A velocidade e a emoción das carreiras volta esta fin de semana a Cerdedo. Logo de varios anos sen celebrarse, o vindeiro domingo disputarase a sexta edición da Subida a Cerdedo, proba puntuable para o Campionato de Montaña. A organización da Subida a Cerdedo corre a cargo da Escudería Gonzasport, da que é presidente Victoriano González Boullosa. Segundo adiantou González Boullosa, a cifra de participantes que tomen a saída o domingo podería aproximarse aos corenta, unha cifra notable, aínda que menor a outras carreiras por mor do coeficiente. A Subida a Cerdedo parte este ano cun coeficiente de 5 debido a que non se disputou os últimos anos, e polo tanto, arranca co baremo dunha proba nova. González Boullosa detallou que ese factor pode facer que pilotos que están a competir no Campionato de Montaña non participen, se ben indicou que corredores como Toño Varela, Vicente Viéitez, Nonito Gómez ou mesmo Manolo Senra, estarán o domingo na liña de saída.
O trazado
A sexta edición da Subida a Cerdedo seguirá un traxecto de 4,150 quilómetros sobre a estrada E.P. 7104 que une Cerdedo coa aldea de Carballás. A liña de saída da proba estará situada preto de Cerdedo, nas inmediacións da ponte que cruza o río da localidade, mentres que a meta estará en Carballás, tralo cruce que segue cara San Miguel de Presqueiras, informou a organización.
Victoriano González destacou que o trazado da proba ten un desnivel de 220 metros, e que ten como peculiaridade un salto bastante pronunciado á altura do lugar de Barro. O presidente de Gonzasport explicou que «no salto voan mesmo os vehículos non carrozados», polo que se presume como un dos puntos máis atractivos para presenciar a proba.
Outro dos lugares máis vistosos e ao tempo máis complicados para a labor do pilotos será nunha horquilla preto de San Miguel de Presqueiras, e a propia liña de saída tamén se presenta vistosa, ao igual que algunhas zonas enlazadas.
Horarios
A organización da sexta edición da Subida a Cerdedo estableceu o día de mañá como a data máxima para inscribirse na competición. Coa lista de participantes pechados, o vindeiro sábado a partir das 17 horas terá lugar a apertura do parque pechado obrigatorio, que se situará na Rúa das Longas. A continuación terán lugar as verificacións administrativas e técnicas, as primeiras na sala de exposicións de Cerdedo, e as segundas no polideportivo municipal. Arredor das 23 horas farase pública a lista de participantes autorizados a tomar a saída o domingo.
O día 28 será o día grande da Subida a Cerdedo. Ás 8 da mañá os pilotos deberán presentarse no parque pechado, e a continuación dirixirse ao parque de pre saída, situado nas piscinas fluviais. Ás 9.30 horas está previsto que arranque a saída de entrenos oficiais, que dará paso ás dúas mangas oficiais que compoñen a Subida.
A clasificación da competición decidirase dacordo co mellor tempo logrado nas dúas mangas. Cada piloto conservará o mellor crono acadado nas dúas mangas oficiais, e ese tempo será o que estableza a clasificación final. A partir das 15.30 horas levaranse a cabo as verificacións de oficio, e a continuación a publicación de resultados. Arredor das seis da tarde terá lugar a entrega de premios no pavillón municipal de Cerdedo.
Aínda que a climatoloxía pode determinar o número de espectadores, os organizadores da proba consideran que pode rondar entre as 10.000 e as 15.000 persoas.