A REVISTA COTAREDO cumpre cinco anos. Onte tivemos a satisfacción de presentala na xuntanza anual da Asociación de Amigos da Terra de Montes, que este ano tocou celebrar no veciño e irmán concello de Cerdedo. A oportunidade foi dobre, porque un dos artigos centrais deste número é un fermoso e exhaustivo traballo da doutora en Filoloxía Galega Carme Hermida, veciña de Portela de Lamas, sobre a figura de Frei Martín Sarmiento e a súa relación coa Terra de Montes, tema sobre o cal versou tamén o seu esplendente relatorio na xuntanza. Visión dun arqueólogo Contamos este ano en Cotaredo, ademais, coa visión experta do arqueólogo Manuel Reboredo Tajes sobre os castros da nosa comarca e coa habitual e fiel colaboración de Xosé Luis Barreiro Rivas, que este ano nos brinda dous relatorios seus co gallo de senllos premios entregados en Forcarei e Boborás, diferenciados no tempo por catro anos, e dando unha visión, coma sempre lúcida e imaxinativa, da nosa comarca. Fotos nostálxicas Inclúe tamén a revista a acostumada sección de fotos nostálxicas, que nos traslada ó pasado común, e aporta outra sección combinada de ilustracións, fotos e texto sobre o patrimonio etnográfico de Forcarei, onde se recolle a gran maioría dos seus cruceiros e cruces, petos de ánimas e monumentos funerarios, traballo que a min me tocou ir perfilando ó longo do pasado ano polas distintas freguesías do concello. E completan este quinto número dous poemas visuais, un relato e unha pintura da poetisa e pintora rusa Rea Nikonova, colaboracións que temos que agradecer ó poeta e editor Emilio Araúxo, que nolos brindou desinteresadamente e tratando de aportar un ton internacional a esta publicación que se vai consolidando coa axuda indeclinable dos fillos e amigos desta terra grande e fermosa que se chama Terra de Montes, e que sempre tivo un nivel de formación e mesmo de erudición envexable en moitos dos seus representantes no eido da cultura, da ciencia e da empresa, como demostra o feito de que a principios de século presentara índices de analfabetismo só atribuíbles a ámbitos urbanos. A pegada do mosteiro Todo, segundo a tese do amigo Avelino Senra, pola pegada indeleble do mosteiro de Aciveiro, que foi creando, ó longo dos séculos medievais e modernos, un ambiente no que se desenvolvían oficios, profesións, ensino e cultura de xeito brillante e continuado. Por iso non extraña que, en terra ampla como é a de Montes, pero pouco poboada, aparezan nomes na cultura galega como os de Xosé Luis Barreiro, Virxilio Blanco, o doutor Leiro, Frei Martín Sarmiento, Chano Piñeiro, Avelino Senra, Xosé M. Rivas Troitiño, Otero Espasandín, Avelino Cachafeiro, José María Barreiro, Ernesto Viéitez, Carlos Baliñas, Virxilio Viéitez, Rodríguez Fraiz, Manuel Espiña, Manuel Cabada, Xosé Raposeiras, Manuel Iglesias e algún outro que me esquecerá, como vangarda dunha veciñanza que herdou os valores do mosteiro de Santa María de Aciveiro.