O SOL | O |
12 ago 2004 . Actualizado a las 07:00 h.AÍNDA QUEDAN por Galicia adiante pequenos reductos culturais que manteñen vivo o espirito dos antergos e as tradicións dos nosos antepasados. Nun momento no que a subsistencia dos legados artísticos, e mesmo etnográficos, se ven ameazados por iso que chaman globalización, calquera tentativa por resucitar ou defender tanto o patrimonio artístico como os traballos e materiais enxebres, paréceme merecedor de aplauso. A mostra de artesanía que se celebrou estes días en Agolada e que hoxe chega ó seu fin, conxuga a defensa dun entorno único coa exposición de obras e obxectos artesáns, moitos deles en materiais tan enxebres e propios como o coiro ou a cantería. Encontros como o dos pendellos agolenses serven tamén para que as novas xeracións entren en contacto con vellas ideas e antigas tradicións a través de entornos cargados de significado. Poucas cousas hai tan importantes como coñecer a túa historia e o teu pasado para ser consciente da túa identidade e do entorno que xorde arredor de ti. E é que ó fin e ó cabo, nada mellor que coñecer o teu pasado para imaxinar o teu futuro.