Imos ao terceiro

Gonzalo Louzao Dono

A ESTRADA

Desde hai dez días, A Estrada queda un pouco máis cerca de Santiago. O pasado 21 de xullo inaugurouse un novo tramo (o segundo) da autovía que está chamada a conectar o municipio estradense coa capital galega, unha AG-59 que agora chega ata a veciña localidade de Pontevea. O paso é moi importante, pero non tanto polo que supón en tempo para os estradenses como polo feito de que este é o camiño para que Santiago nos quede a só 10 minutos. Máis ou menos o que tardamos en tomarnos ese café rápido co que nos poñemos en marcha pola mañá ou nese descanso fugaz co que tamén collemos alento.

Aqueles aos que a rutina diaria lles permitiría facer o percorrido entre A Estrada e Santiago case cos ollos pechados calculan estes días que a apertura do novo tramo da

AG-59 lles aforra, aproximadamente, dous minutos no desprazamento. Pode parecer pouca cousa. Pero falamos de dous minutos nun traxecto de apenas vinte. Unha mellora do 10 % que, para quen percorre esa ruta cada día, non é en absoluto menor.

É lexítimo que haxa quen pense que dous minutos saben a pouco. Pero tamén paga a pena mirar máis alá dese dato inmediato e entender o que realmente representa este novo paso. Non hai dous sen tres ou, se o preferides, non se pode subir ao terceiro sen pasar polo segundo.

O traxecto A Ramallosa-Pontevea non abonda para A Estrada. Niso podemos estar todos completamente de acordo. É máis, foi iso o que sempre se defendeu dende este goberno. Pero coido que tamén é importante poñer o acento en algo que, quizais, pasou máis desapercibido do que merece: a autovía AG-59 estreou estes días unha nova fase, pero sen que as obras se detiveran con esta inauguración. Nin moito menos. Nin por un momento.

A prolongación desta vía de alta capacidade non se detén en Pontevea, senón que as obras continúan avanzando cara A Estrada. O compromiso da Xunta con esta conexión non remata na localidade veciña á que, como non podía ser doutro xeito, nos desprazamos para festexar un avance que nos vertebra e nos conecta mentres pon un chanzo fundamental para seguir construíndo a autovía que precisamos no noso municipio. A mesma autovía que queremos aproveitar como unha auténtica oportunidade de futuro.

Porque estes dez minutos aos que quedará reducida a viaxe A Estrada-Santiago cando a autovía chegue finalmente ata O Rollo son tamén unha pedra angular para o noso futuro en clave de conxuntura económica, laboral e poboacional. Estou plenamente convencido de que AG-59 non só nos achegará á capital galega, senón que situará o noso municipio no mapa para que pasemos de ser orixe e nos convertamos tamén en destino destes desprazamentos.

A chegada da AG-59 está chamada a converterse na porta aberta para atraer poboación, aproveitando esta proximidade a Santiago, e a facer que o noso solo industrial —en pleno proceso de expansión pública— sexa o que se escolla para o asentamento de novas empresas que queiran aproveitar unha situación xeográfica estratéxica. Cada mellora nas comunicacións reduce distancias, pero tamén elimina barreiras á hora de vivir, investir ou emprender. Iso é o que realmente está en xogo.

O camiño está marcado e o avance non se detivo co acto de inauguración ao que vimos de asistir. De feito, as obras do novo treito van a un ritmo que a min mesmo me deixou sorprendido na visita que fixen estes días. Pasamos xa polo segundo e imos ben encamiñados cara ao terceiro.

Hai unha idea que se reafirma en min cada vez que asistimos a un novo avance da AG-59.

O máis importante desta autovía non é a distancia que acurta, senón todas as oportunidades que achega.