A Estrada celebrará a Semana das Artes Galegas con concertos, ponencias e mostra de fotografía
A ESTRADA
A Orquestra do Conservatorio pechará o ciclo cultural o día 26
19 mar 2026 . Actualizado a las 05:00 h.O Conservatorio Profesional de Música da Estrada (CMUS) celebrará do 23 ao 26 deste mes a cuarta edición da Semana das Artes Galegas. Este ano, a Real Academia Galega de Belas Artes dedícalle o Día das Artes Galegas ao fotógrafo José Suárez. O CMUS sumarase á celebración cunha serie de actos que, ao longo dunha semana, converterán o centro en espazo de encontro, creación e celebración artística. A música será o fío condutor dun programa con moitos outros alicientes.
Conectando coa figura de José Suárez, o primeiro andar do conservatorio acollerá do luns 23 ao xoves 26 unha mostra da fotógrafa estradense Aroa Martínez. Baixo o lema O que xa non é, a exposición reunirá imaxes de caras e lugares da Estrada atravesadas por unha mirada máis profunda e filosófica. A artista abre unha fiestra á memoria para «redefinir a relación co ausente e resignificar a mirada cara o que si está».
Asimesmo, o luns 23 o auditorio do CMUS acollerá ás 19.00 horas unha ponencia da pianista, compositora e editora Margarita Viso sobre o compositor Marcial del Adalid y Gurrea, no bicentenario do seu nacemento.
O martes 24 ás 19.00 horas o auditorio do CMUS será escenario do concerto do saxofonista Roi Alfonso, ex alumno do centro e exemplo de experiencia e ilusión.
O mércores 25 o alumnado do sexto curso de Grao Profesional presentará ás 19.00 horas o traballo titulado A música tradicional galega a través da fotografía, no que exploran a herdanza musical galega desde unha ollada artística e documental.
A Semana das Artes Galegas culminará o xoves 26 cun concerto ás 19.00 horas no teatro Principal da Orquestra do Conservatorio Profesional, que interpretará un repertorio no que dialogan a mirada humanista de Marcial del Adalid e a sonoridade da tradición galega.