Os escolares da Estrada póñenlle voz aos versos de Rosalía no aniversario do seu nacemento
A ESTRADA
O Concello da Estrada conmemorou onte o Día de Rosalía cun acto público para celebrar o aniversario do nacemento desta escritora, referente universal da cultura galega. Neste 2026, os alumnos das catro escolas infantís estradenses foron os protagonistas do vídeo conmemorativo, apostando por incorporar este segmento poboacional tan novo no legado e tributo que se lle rende á autora de Cantares gallegos.
O Teatro Principal acolleu este luns un evento aberto ao que estaban convidados os dez centros educativos de primaria e secundaria existentes no municipio estradense e as catro escolas infantís, protagonistas este ano do traballo audiovisual que conmemorará esta data: a Escola Infantil Municipal, o centro da rede A Galiña Azul, Elfos e a escola Undoustres.
A actividade consistiu no recitado de dous poemas de Rosalía por cada colexio e instituto, pasando logo á proxección do vídeo elaborado por Tres Insuas. Despois desta estrea, como é costume, o traballo quedou subido á canle de YouTube e ás redes sociais do Concello da Estrada, ademais de ser aloxado na páxina web municipal para desfrute de todo o mundo.