Nenos das catro escolas infantís da Estrada recitan versos da autora galega nun novo audiovisual que se estreará o vindeiro luns para celebrar o seu día
19 mar 2026 . Actualizado a las 20:14 h.Dende hai nove anos o Concello da Estrada conmemora o 23 de febreiro como Día de Rosalía cun acto público para celebrar o aniversario do nacemento desta escritora, referente universal da cultura galega. Neste 2026 serán os alumnos de catro escolas infantís estradenses os que protagonicen este vídeo, apostando por incorporar este segmento poboacional tan novo no legado e tributo que se lle rende á autora de Cantares gallegos.
Os actos do Día de Rosalía na Estrada desenvolveranse este ano o propio 23 de febreiro. Deste xeito, o Teatro Principal acollerá o vindeiro luns, ás 20.00 horas, un evento aberto ao que están convidados os dez centros educativos de primaria e secundaria existentes no municipio estradense e as catro escolas infantís, protagonistas este ano do traballo audiovisual que conmemorará esta data: a Escola Infantil Municipal, o centro da rede A Galiña Azul, Elfos e a escola Undoustres.
A actividade consistirá no recitado de dous poemas de Rosalía por cada colexio e instituto, pasando logo á proxección do vídeo elaborado por Tres Insuas. Despois desta estrea, como é costume, o traballo estará subido á canle de YouTube e ás redes sociais do Concello da Estrada, ademais de ser aloxado na páxina web municipal.
Lucas Terceiro, da produtora Tres Insuas, leva xa case unha década asinando o vídeo co que A Estrada conmemora o Día de Rosalía. Recoñeceu que este ano as escolas infantís realizaron un gran traballo para tentar que os seus pequenos alumnos e alumnas repetisen versos de Rosalía para a peza deste 2026. Grazas a este esforzo e colaboración, os máis pequenos da Estrada incorporaranse á homenaxe anual a esta escritora, despois de que traballos previos implicasen alumnos de educación primaria e secundaria, deportistas locais, formacións musicais, agrupacións culturais ou ata o sector sanitario local nos tempos da pandemia.
Non querendo desvelar moitos detalles do audiovisual para que sexa unha sorpresa para a veciñanza, a peza deste 2026 implicou medio cento de pequenos de dous e tres anos, que entran cun verso no mundo de Rosalía de Castro. A emotividade e beleza do resultado están aseguradas.