A Estrada move ficha

Gonzalo Louzao

A ESTRADA

21 sep 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

A Estrada e os seus empresarios souberon agardar. A reflexión compartírona días atrás os industriais do polígono de Toedo durante a visita da conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana. Escoiteina, interioriceina e ratifiqueina, porque non pode ser máis certa. Tanto como a seguinte que fixeron: chegou o noso momento.

Anos atrás, a patronal estradense peregrinou a Santiago ou Pontevedra en máis dunha ocasión, levando baixo o brazo unhas peticións que entendían fundamentais para que as súas industrias puidesen ser competitivas. Demandaban ás Administracións o que é de xustiza: unhas comunicacións á altura dun municipio cunha situación xeográfica estratéxica, cun tecido económico que traballa para tirar proveito desta localización e que é consciente de que, nun mundo que parece xirar cada vez máis rápido, un non debe —nin pode— quedar ancorado. Pedían tamén os nosos empresarios solo público no que poder medrar, sabedores de que facilitar o asentamento de novas empresas ao seu carón é clave para que A Estrada prospere. A competencia ben entendida sempre resulta revitalizante.

Sucesivas circunstancias conmináronos a agardar. E iso fixeron. Pero agora é o seu momento. O de todos os estradenses. A Xunta de Galicia está apostando para que así sexa, en primeiro lugar coa prolongación da autovía AG-59, que chegará aos pés do noso principal parque empresarial e fará que as industrias nel asentadas teñan saída áxil cara a capital galega, cara o aeroporto ou cara a estación de tren, mellorando tamén os enlaces por vías de alta capacidade cara outras cidades, caso da Coruña ou Ferrol, por exemplo, a través da conexión directa da AG-59 coa AP-53 e a AP-9.

Pero, ademais, a visita de María Jesús Lorenzana á sede da ACE veu definir e asentar o horizonte para que o polígono de Toedo se expanda por iniciativa pública, incrementándose case nun 80 %. A conselleira respondeu a todas as dúbidas do empresariado, expoñendo que este é momento de definir como será esta expansión a través das súas demandas de solo. É un polígono á carta, de especulación cero. Este é -tamén- o momento de apostar pola Estrada para consolidarse ou asentarse. Este, non outro. Hoxe mellor que mañá.

Solo industrial, comunicacións e vivenda conforman a pedra angular para o futuro da Estrada. Son a chave para poder afrontar o reto demográfico que temos por diante. Se queremos que haxa demanda de vivenda, se pretendemos que novos veciños escollan A Estrada para vivir ou que os estradenses poidan construír vida no municipio no que naceron, ten que haber oferta laboral. É por iso que a ampliación do noso polígono industrial resulta fundamental para nós. Temos que responder á demanda daquelas empresas que necesitan medrar e tamén á daquelas que amosan interese por asentarse na Estrada. Non podemos perder esta oportunidade.

Dúas orellas, unha boca

Sempre digo que temos dúas orellas e unha boca, unha metáfora de que debemos escoitar o dobre do que falamos. E nesta recente reunión coa conselleira de Economía e Industria tamén se deixou escoitar un clamor. E é de vello, non pensedes. Os empresarios da Estrada urxen a circunvalación da N-640, a famosa variante da Estrada. Somos, xunto con Ponteareas, o único núcleo de poboación de gran tamaño atravesado de norte a sur por unha estrada nacional.

É un atranco, nun sentido amplo do termo. A industria e os estradenses precisan que o Goberno central escoite. Xa non podemos esperar máis. Por seguridade e oportunidade, a variante é unha absoluta necesidade do municipio. Pero seguimos sen noticias. Está claro que non hai maior xordo que o que non quere escoitar. Non nos queda outra que seguir berrando á par. Ben alto. É o noso momento. A Estrada move ficha. E, sen necesidade de comer a ninguén, tócanos avanzar 20.