As igrexas da vila da Estrada (e II)

juan andrés Fernández A ESTRADA

A ESTRADA

Arquivo do Museo do Pobo Estradense

27 jul 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

No ano 1853 arde o templo parroquial de San Paio de Figueiroa, ubicado nas proximidades da entrada vella do camposanto. Andaba na voz pública o rumor dun lume intencionado; hoxe estamos en condicións de verificar aquela sospeita. Así, nunha carta do párroco de Guimarei Domingo Antonio Núñez ao arcebispo compostelán Miguel García Cuesta datada no 1861, o sacerdote, sen amentar nomes que sen dúbida coñecía, refírese xenéricamente a los mandantes, auxiliantes y ejecutores de la persecución de los curas, su prisión y ruidosas causas, e acúsaos dunha doble profanación: habían derribado la capilla del Spíritu Santo y quemado la iglesia con el siniestro fin de hacerla nueva allí, enténdese que no pobo da Estrada. A infame intervención daqueles extremistas, capaces de quemarme a mi, mi casa e iglesia, engade don Domingo Antonio, consegue ao cabo os efectos esperados xa que no 1857 comeza a nova construción nun lugar alteiroso da vila desde onde se enxergaban as torres da catedral compostelá. O terreo, ubicado na porción urbana de Figueiroa, hoxe confluencia das rúas San Paio e 56, foi comprado a Manuel Porto e Benito María de Oca con achegas do arcebispado, pobo da Estrada e o propio gobierno de S.M., que aportó unos miles de duros. Coa pedra viñeron tamén algunhas imaxes; descoñecemos, emporiso, o paradoiro das lápidas brasonadas coas armas dos Sangro, Figueroa e Bermúdez de Castro integradas no lousado da igrexa; poida que fosen retiradas unha vez desmantelado o templo e quizás continúen aínda nalgún lugar das tristes ruínas da que un día foi a Casa Grande de Figueiroa.

 

 

 

O día 25 de xuño de 1858 o párroco Manuel Álvarez Monteserín bendice a nova igrexa de San Paio de Figueiroa na Estrada e un ano despois solicítase a fundación dun cemiterio propio, o que non se logra, continuando os enterramentos, deica hoxe en día, no primitivo convenientemente ampliado. A partir da reorganización parroquial, no 1865, que conleva a desaparición da parroquia de Figueiroa, esta igrexa pasa a denominarse San Paio da Estrada. A medida que pasan os anos o novo templo empeza a acusar limitacións de espazo interior, poida que por un incorrecto cálculo prospectivo de crecemento da poboación ou porque as carencias económicas limitasen as dimensións do solar e o tamaño do edificio, no que se celebra culto deica o 1935. Desacralízase posteriormente e véndense por separado torre e edificio. Consérvanse algunhas, poucas, fotografías da fachada pero non coñezo imaxe ningunha do interior polo que calquera que poidese aparecer cobraría un extraordinario valor histórico e testemuñal.

No ano 1898 colócase a primeira pedra da nova igrexa parroquial de San Paio da Estrada, a que hoxe coñecemos, nun lugar eminente, de amplos horizontes e significativo nome: O Calvario. Comprárase unha primeira parcela a Francisco Torres por 2.500 pts., pero dous anos máis tarde, no 1900, lembrando quizás as angosturas da primeira igrexa, acórdase ampliar nun tercio a superficie, o que supuxo un desembolso adicional de 1.243 pts. Conste que Miguel Nine Novais, pai de Melania Nine Fraga, coñecida estradense e incansable promotora da obra do novo templo, aportou do seu peculio 1.000 pts.

A corporación municipal acorda abrir unha avenida de acceso ao templo, illado no medio dos agros e, así mesmo, ubicar fronte á súa fachada a nova casa consistorial. O segundo acordo non pasou da fase de proxecto, como se sabe, e o primeiro sufriu un longo e embarullado proceso de xestación.

Estaba na mente do arquitecto eclesiástico enfilar a nave principal do novo templo coa catedral compostelá, que se enxerga na distancia e, a un tempo, abrir unha vía de longa perspectiva que o comunicase coa xa trazada rúa Riestra, hoxe Calvo Sotelo, para lograr, desde este punto, contacto visual co altar maior e o sagrario, mais isto non se logrou totalmente. A igrexa, orientada efectivamente ao N, cara a Compostela, presenta, emporiso unha leve declinación -14º leste-, no entanto que a rúa de acceso presenta a mesma desviación, pero algo menor -7º leste-, de aí que a enfilación non sexa perfecta.

Esta avenida, que pasou a denominarse no 1905 Marqués de la Vega de Armijo e de Don Nicolás dende 1962, trazouse por un antigo camiño que cruzaba entre os domicilios de Manuel Constenla, á esquerada, e Saturio Sáenz, aínda en pé, á dereita. É neste momento cando xorde a primeira dificultade pois unha dependencia anexa ao domicilio de Constenla limitaba a anchura e modificaba sustancialmente o trazado rectilíneo da nova rúa, de modo que foi preciso derrubar aquela e indemnizar o seu propietario. No decurso das obras de apertura Saturio Sáenz manifesta que as explosións da dinamita poñían en perigo a integridade da súa vivenda, o que obriga a suprimilas retardando considerablemente o progreso da obra que, a mediados do 1900 se detén por falta de fondos. Xorden daquela desacordos de valoración das leiras afectadas polo trazado da avenida, propiedade de Rogelio e Victoriano Otero, polo que se acorda a expropiación.

No 1901 o contratista da obra da nova igrexa, Rogelio Castro, manifesta a imposibilidade de exercer o seu labor porque non poden chegar os carros coa pedra, o que obriga ao goberno municipal a buscar solucións alternativas. Acórdase entón solicitar a Benigno Losada permiso de tránsito pola súa propiedade para conducir a pedra desde a rúa San Paio, ao que accede. Este atallo ou entrada provisional acaba consolidándose como vía pública adoptando o nome de Marqués de la Vega de Armijo a partir do 1962. Defínese por último a extensión do adro da nova igrexa en terreos de Miguel Nine.

As obras progresaban lenta, moi lentamente porque a igrexa, de planta basilical, ampla, de considerable altura, prominente campanario, grosos muros e espectacular cimborrio demandaba unha financiación cuantiosa. Houbo épocas de paro absoluto; chegou a medrar o mato no interior da obra mais, pouco a pouco, coa colaboración do pobo, autoridades civís e relixiosas e algúns particulares sobranceiros, púxoselle o ramo e bendeciuse o 15 de agosto de 1935, trinta e sete anos despois, de colocar a primeira pedra.