
Máis dun milleiro e medio de rapaces e mozos dos centros públicos da bisbarra tomaron as rúas no Correlingua para reivindicar o galego
22 may 2025 . Actualizado a las 05:00 h.Máis dun milleiro e medio de estudantes de todos os centros de ensino públicos da Estrada, do CPI Aurelio Marcelino Rey de Cuntis, do IES Chano Piñeiro de Forcarei e do CEIP de Prado (Lalín) tomaron onte á mañá as rúas da Estrada baixo o lema A mocidade activa por unha lingua viva!.
Participaban no Correlingua, a festa para reivindicar o galego como lingua propia que desde hai 25 anos convocan cada primavera a Mesa pola Normalización Lingüística, a Asociación Sociopedagóxica Galega e CIG Ensino. Na Estrada, a convocatoria adoita ser multitudinaria. Desta volta, a pesares do orballo que ameazou a cita ao principio da mañá, a resposta foi das mais contundentes.

Os rapaces percorreron as rúas cargados de símbolos do seu amor pola lingua: carteis no peito coas súas palabras preferidas en galego, suadoiros ao estilo Rolling con linguas falando en galego ou pancartas nas que se podían ler mensaxes convidando a darlle uso á lingua para non deixala esvaecer. «O galego corre por nós», era o lema do CEIP Pérez Viondi, que estreaba pancarta este ano. Pero había outros moitos. Coma o do IES Chano Piñeiro: «Camiñando pola nosa lingua. Correndo pola nosa terra».
Os estudantes do CEIP do Foxo, lembrando a homenaxe ás cantareiras do 17 de maio, botáronse a cantar en galego polas rúas, enchendo a vila de fermosas coplas alusivas á necesidade de empregar o galego para darlle vida.
Despois da camiñada polas rúas —os maiores fixeron un percorrido máis longo e os pequechos un á súa medida—, todos os estudantes se xuntaron na Praza do Concello, onde o presentador, Fran Rei, os convidou a empregar as súas pandeiretas como armas revolucionarias e onde se deu lectura ao manifesto, dirixido en especial á xente nova como esperanza para o galego.

O acto rematou coa entrega de diplomas e coa actuación de Pauliña, unha das bandas de referencia do panorama musical galego actual, coa cambadesa Paula Chaves, Pauliña, á fronte. Sobre as táboas demostrou que, ademais de ser unha das grandes voces galegas, é unha loitadora incansable a prol da igualdade, da loita feminista e da defensa da lingua e da cultura galegas.
Conxugando country, blues, reggae, rock ou ska, Pauliña puxo a cantar e bailar a varias xeracións para sementar un amor pola lingua que, onte polo menos, saltaba á vista.