Reside na Estrada dende fai tres anos, onde se instalou por amor
20 feb 2022 . Actualizado a las 09:12 h.Se o fenómeno das Tanxugueiras é un orgullo e algo para presumir por parte de todos os galegos, na Estrada esa sensación multiplícase. Coa resaca da actuación e a aventura das Tanxugueiras no Benidorm Fest, na zona falábase de algo máis que da decisión (incomprensible) do xurado. A xente reparaba nunha moza que se lles facía familiar. Unha artista que agora vían no ordenador, no móbil e na televisión, pero que xa a tiñan escoitado antes. «Unha das Tanxugueiras é da Estrada», comentaban con orgullo dúas persoas nunha cafetería da vila, insistindo ao seu compañeiro que «estaba canso de vela». Ela é Olaia Maneiro (Teo, 1990), que aínda que non é da Estrada, é unha máis no concello. Terra de recoñecidos músicos, os estradenses presumen agora de ter entre os seus a unha das artistas galegas do momento. Ao aturuxo máis famoso da historia da nosa música.
Aténdenos sacando un oco na súa apertada axenda entre ensaios e entrevistas. «Non son da Estrada, son de Luou», puntualiza entre risas. Porén, recoñece sentirse coma unha estradense máis xa que leva tres anos vivindo aquí. «Foi todo por amor», apunta Olaia, que marchou vivir á Estrada xunto coa súa parella, Pablo Carracedo, máis coñecido coma Jasper. Estradense ilustre, fundador da mítica banda local, Nao.
Un cambio ao que lle custou adaptarse, pero que agora agradece. «Non queda moi lonxe da casa dos meus pais e aínda que antes facía máis vida en Santiago, prefería ir de compras á Estrada, ao comercio local», explica. E si, fala en pasado non porque vaia marchar da vila, senón porque «agora fago vida en todo o mundo», comenta. Asegura que dende que volveron do Benidorm Fest non tiveron tempo nin para meditar, sen ser aínda consciente do éxito que alcanzaron.
«Non me deu tempo a pensar e a parar», recoñece. Verse continuamente nos medios é algo que lle resulta estraño. Unha situación que califica coma «fantasía» da que di non ter medo xa que «cando te coñecen por algo bo como é loitar pola tradición e a cultura fai que non lle teñas medo a nada e a conciencia estea tranquila». Unha nova vida que lle quita tempo para pasear polo pobo ou no rural. De xeito que tampouco sabe cal vai ser a reacción da xente cando a recoñeza na rúa. «Non me deu tempo a aterrar. Estamos organizando todo para o verán, o próximo disco e non teño tempo para facer vida. Dende que chegamos o único que fixen foi traballar na casiña», sinala.
Con todo, afirma que os veciños estana a tratar con moito respecto, notando o cariño da xente da vila dende o que lle chama «o búnker». Sen embargo prefire restarse importancia. «Ata o de agora facía unha vida normal era unha de cen. A xente sempre foi moi amable comigo e iso non creo que vaia cambiar. Cando todo se tranquilice un pouco e vaia tomar algo seguro que algúns viranme saudar e moitos outros pasarán de largo», cavila.
No seu esforzo por «facer país» e levar a nosa música, cultura e tradición polo mundo adiante, Olaia tamén aporta o seu grao de area para poñer en valor e dinamizar lugares como A Estrada, eminentemente rurais nos que despoboamento está cada vez máis latente. «É importante non esquecerse do rural. Co covid a xente lembrouse del, todo o que puido volveu e descubriu o seu potencial» e engade «sempre fun unha muller de aldea».
O tempo voa e Olaia ten que seguir ensaiando. Aínda que non sexa estradense de nacemento, ao escoitala falar non hai dúbida de que é unha máis, representándonos con agarimo e sendo partícipes dos seus éxitos e dunha aventura cun final que semella estar moi lonxe.
Ensinando aos máis cativos o amor pola música galega
Non é soamente estar, senón tratar de achegar o seu traballo á veciñanza e facelos partícipes do seu amor pola cultura galega. Dende que chegou á Estrada, Olaia participou coa comunidade achegando aos máis novos a música tradicional, e tamén facendo lembrar aos maiores os ritmos e alalás da súa mocidade. Tanto ela coma con Sabela e Aida, participaban antes da pandemia dando clases de pandeireta na parroquia de San Xorxe de Cereixo. «Gústame transmitir o amor á tradición e os instrumentos e empecei coas clases por facer terra e país, para que a xente máis nova collera o amor pola nosa cultura. Os máis maiores lévano no sangue, pero os novos deslíganse disto e por iso é importante transmitirlles ese amor e que non se perda nunca», explica. Coa chegada do coronavirus e as dificultades para atopar horarios ante unha axenda máis apertada co éxito de Tanxugueiras, tivo que aparcar estas clases.
Nelas, Olaia transmitía aos veciños a esencia de Tanxugueiras. «Sempre tivemos claro que a función do grupo é levar a cultura e o idioma ao máis alto e queriámolo conseguir máis alá da fama ou os cartos», subliña. Con ese espírito, acabou deixando a súa pegada na vila, percibindo que os seus alumnos «colléronme moito cariño». Do mesmo modo, Olaia tamén colaborou con centros de ensino da zona coma o do Foxo, achegando aos máis cativos os aturuxos, a pandeireta e outros elementos da nosa música.
Se cadra, A Estrada é o lugar perfecto para as Tanxugueiras. Un municipio no que a música é protagonista e onde existen asociacións que traballan para que perdure e se manteña a tradición. «É unha zona involucrada na cultura, con gañas de facer de todo e onde aínda se mantén a música tradicional», comenta. Nese senso, a artista ten claro que o mérito non é seu, senón dos colectivos locais que traballan con ese obxectivo. «Ten todo o mérito Tequexetéldere, que loitou con todo pola tradición e a nosa música, demostrando o seu amor pola terra», asegura.
Da música á piscina
Ademais de dar clases, Olaia participou en diferentes actividades benéficas no concello, como cando colaborou na segunda edición da San Silvestre Acuática organizada polo Club de Natación e Salvamento A Estrada e a Piscina Climatizada Agasp en favor de Cáritas no ano 2019. Un evento que tivo coma mestre de cerimonia ao actor Carlos Blanco, e onde participaron varios persoeiros do municipio. Unha actividade solidaria que non puido continuar pola pandemia, na que se involucrou e onde se recolleron máis de 400 quilos de comida non perecedoira.
Actuacións para animar á veciñanza durante o confinamento
Queda claro que a versatilidade é unha das virtudes de Olaia, que tanto é capaz de engaiolar ao público no escenario do Benidorm Fest, coma de poñerse a cantar dende a fiestra para distraer aos veciños no peor da pandemia. Co primeiro confinamento de marzo e abril do 2020, ela e a súa parella ofreceron concertos improvisados ao rematar os aplausos aos sanitarios das oito da tarde. «Saiamos con toda a artillería, co micro e todo», lembra.
Un xeito de facer esquecer durante un tempo a preocupación nos primeiros e máis mortais pasos da pandemia de coronavirus. «Moitos dos nosos veciños eran maiores e vivían sós, polo que intentamos distraelos coa música», explica a tanxugueira.
«Dar un concerto na Estrada sería algo moi especial para min»
A Estrada xa puido gozar coas Tanxugueiras en varias ocasións antes de que se converteran nun fenómeno social e musical a nivel nacional. Olaia, Sabela e Aida participaron en varios festivais na zona, facendo o seu debut no ano 2016 no Esmorga Folk celebrado en A Bandeira. Un evento que as viu nacer artisticamente e no que repetiron no 2018 compartindo escenario con Treixadura, Leilía e Faíscas da Pontraga. Ademais, Tanxugueiras actuou no verán do 2018 no festival As Nosas Músicas de Couso, organizado pola asociación A Xesteira. Nesa XXIII edición, as galegas completaban o cartel xunto con Os Viqueiras, Fiandola e Artmonium.
A derradeira actuación na Estrada foi xa coa pandemia, no verán do 2020, na primeira edición do ciclo musical Solpores no Lagoeiro, na Casa do Lagoeiro. O trío presentou daquela Contrapunto, o seu segundo traballo discográfico no que presentaban dez creacións sobre cuestións positivas e negativas da vida con coplas tradicionais e novas creacións que dan vida a cinco vivencias enfrontadas.
Agora, co seu bum, a oportunidade de desfrutar da súa música na vila a curto prazo parece complicada. «Que se apuren, que xa quedan poucas datas no verán», apunta Olaia, quen recoñece que dar un concerto na Estrada «sería algo moi especial para min», posto que «acolleronme moi ben e síntome coma unha estradense máis».