«A un bonsái quéreselle como a un fillo»

Rocío García Martínez
rocío garcía A ESTRADA / LA VOZ

A ESTRADA

miguel souto

O estradense destaca Galicia como potencia europea nesta arte xaponesa con máis adictos cada ano

14 jun 2020 . Actualizado a las 20:29 h.

Que levante a man quen non se teña sentido tentado a mercar un bonsái de oferta. E que a levante tamén quen, unha vez na casa, conseguira mantelo con vida.

Óscar Expósito (A Estrada, 37 anos) foi un deses sufridores que mercou ilusionado algún exemplar e que se desesperou ao velo morrer. E iso que el algo sabía de árbores. «Gústame o mundo vexetal desde neno. Os meus pais sempre tiveron horta. Eu axudáballe a meu pai cos enxertos e algo sabía, pero os bonsáis morríanme sempre», confesa.

Que facía mal o estradense? «Case todo», contesta entre risas. «O 90 % dos bonsáis morren porque pudren por exceso de humidade na raíz. Os bonsáis que compras nas grandes superficies adoitan vir nun substrato de moi mala calidade, en fibra de coco, que é un substrato moi económico. Hai que cambiarllo. Senón, moitas veces, por arriba parece seco, regas de máis e está encharcando por abaixo porque é un substrato que non permite a drenaxe polos buratos da maceta», explica Expósito. «O primeiro paso é cambiar a fibra de coco por un substrato xaponés. O máis axeitado é 50% akadama e 50 % ponice. Con iso tes moito feito. Este substrato cambia de cor. Cando ten humidade suficiente a capa superficial é marrón escuro e, cando precisa auga, clarea. Se está seca a capa superficial podes regar sen medo. Nunca te vas pasar porque a auga sobrante drena sen problema», comenta o estradense. O cambio do substrato -que ademais debe renovarse cada dous ou tres anos-, o rego e o abono -que debe ser orgánico e non químico e preferiblemente xaponés- son os tres piares fundamentais para manter con vida un bonsái. «Os afeccionados temos unha tenda de referencia a onde peregrinamos asiduamente para a adquisición de exemplares e material de traballo e para asistir aos talleres co experto Luis Vila: kingii.es, en Bembibre (Val do Dubra)», recomenda. «Ademais dos coidados básicos está a parte artística. Nesta afección nunca rematas de aprender. Podes estar toda a vida», advirte. «Eu podo estar da mañá á noite e ata me esquece comer», confesa.

Paixón desde pequeno

A Óscar a paixón polos bonsáis venlle de hai sete anos. O estradense dedícase profesionalmente ao mundo da decoración e reforma de interiores. «A min tirábame o dos bonsáis pero non tivera oportunidade de aprender sobre eles. Un día fun traballar á casa dun cliente en Pontevedra que ten o xardín cheo de bonsáis que son auténticas obras de arte. Incluso exemplares chegados do Xapón. Ese día deixei o traballo aparcado. Púxenme a falar do tema co cliente e fóiseme a mañá», conta. «Pagou a pena. Doume o contacto de afeccionados e mestres e ao día seguinte estaba falando con eles. Aí comezou todo», explica.

«En Galicia temos a sorte de contar nun nivel impresionante. Galicia é potencia a nivel europeo. A formación avanza moi rápido e temos dos mellores mestres e das mellores coleccións de Europa. Nos últimos dez anos isto foi un bum. É unha afección que cada ano está máis en auxe. Hai xente cun nivel impresionante que incluso contrata a nivel privado a mestres xaponeses que quedan na súa casa quince días para formarse ao máis alto nivel», comenta.

A asociación Club Bonsái Pontevedra fundouse en xaneiro do 2019 para ofrecer formación aos afeccionados que estaban empezando. «Ao principio necesitas unha continuidade na formación, empezando desde a base. E iso non é fácil de conseguir. Empezamos cun curso de 20 prazas na Estrada e esgotáronse tan rápido que tivemos que facer unha segunda sesión. Agora somos 50 socios. Todos os que empezaron, engancháronse», conta Expósito. «En Galicia só hai outra asociación na Coruña e unha en Vigo. Aquí vén xente de toda a provincia e incluso de fóra. Facemos dous talleres ao mes e iso é o que busca a xente, unha constancia na aprendizaxe», comenta o presidente. Despois do parón imposto pola crise sanitaria, o colectivo acaba de retomar a súa actividade. O próximo taller será o día 27, no local social de Baloira, de 10.00 a 14.00 e de 16.00 a 20.00 horas.

O confinamento obrigou a parar a formación, pero deu máis tempo aos afeccionados para traballar nos seus xardíns. «Para min o confinamento non se distinguiu de calquera día libre. Estiven da mañá á noite no xardín sen aburrirme. É unha sorte. Non concibo a miña vida sen un xardín nin sen os meus bonsáis. Sei que pode ser difícil de entender, pero a un bonsái quéreselle como a un fillo. Son moitas horas que botas con el e moitos anos véndoo medrar», comenta emocionado.

Teño unha ducia de bonsáis e centos de proxectos. A todos lles teño cariño, pero teño un preferido: unha azalea que ten entre 70 e 80 anos de traballo e que era dun amigo de faleceu.

Viaxar a Xapón para formarme e botar alá catro meses. Teño moitos amigos que estudaron alá e para min iso é o máximo. Sei que non é fácil, pero espero poder chegar a ir algún día.