«Boto máis tempo vendo onde comer en vacacións que visitando o sitio»

amelia ferreiroa LALÍN / LA VOZ

A ESTRADA

Cedida

Aproveita todos os ocos que lle permite a súa axenda para gozar da cociña

14 sep 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

«Cociño fatal. Fago só o básico, pero a miña parella cociña de cine». Contundente pero cun sorriso arrancan estes minutos de percorrido pola gran paixón de Flavia Payno Gonçalves: a gastronomía. Nada en Arnois (A Estrada) e residente na Bandeira (Silleda), a esta estudante de Dereito sempre lle gustou «ir por aí a comer, de sempre».

-En que momento pasa a ser blogueira gastronómica?

-Haberá dous ou tres anos, pero o meu gusto pola cociña vén de antes... Son das que entra nun local e fíxase na decoración, calidade dos seus pratos, presentación, sabores, texturas, atención ao cliente... Todo é importante.

-E que tipo de cociña está entre as súas preferencias?

-Son de probar todo tipo de cociña. Cada unha adáptase a un determinado momento. Gozo por igual da cociña tradicional, de fusión, gastronomía doutros países... A cociña coreana e a mexicana están entre as miñas preferidas, pero sen fuxir das outras moitas que se ofertan. Eu boto moito máis tempo vendo onde comer cando vou de vacacións que visitando o lugar escollido, que tamén aproveito, claro, para ver os puntos máis significativos; pero a parte gastronómica da viaxe é sempre o primeiro [risas].

-Que prima á hora de entrar nun determinado establecemento?

-Visualizar o local é unha parte moi importante á hora de inclinarse por un determinado establecemento. Certo é que moitas veces levas unha sorpresa, para ben ou para mal. Un sitio sinxelo pode albergar unha cociña extraordinaria, e outro con mellor aspecto pode ofrecer ao cliente unha carta que non se axusta ao que a simple vista ofrece. Son de valorar o establecemento, claro, que sexa un local coidado, pero a estética non o é todo, aínda que é un reclamo á hora de chamar o cliente. Todos coñecemos locais que non son precisamente atractivos dende o punto de vista estético e a súa cociña é absolutamente fabulosa.

-Os pratos si deben de chamar para seren fotografados e posteriormente subidos á Rede?

-Claro. O primeiro que fago unha vez escollo o menú é fotografar o prato, e se podo tamén inclúo o comentario oportuno sobre o mesmo.

-Un traballo laborioso.

-É divertido, satisfactorio... O problema é que non dispoño de todo o tempo que quero. Estudo e levo varios anos na Asociación de Amigos da Empanada (que nos levou nos últimos meses a desenvolver unha actividade de promoción da nosa festa gastronómica por España, organizar as festas...). Faltoume tempo para darlle máis saída ao blog, subir novas experiencias... A idea é agora poder retomar ese traballo con máis forza e subir con maior periodicidade as miñas experiencias gastronómicas. Editar require dun tempo que ás veces non hai. Persoalmente lévame bastante tempo facer o traballo de selección de fotos, edición, comentarios etc. que posteriormente subo ás miñas páxinas de WordPress, Instagram e Facebook.

-Por que o fai?

-Polo pracer de ir a sitios onde a cociña é marabillosa, gozar de determinados pratos e deixar unha recensión sobre os sitios visitados por se alguén quere ir. Teño que dicir que ao principio dábame pánico isto de facer unha recomendación sobre un determinado prato ou local, pero despois dun tempo xa é algo normal e cotián. É un xeito de abrir determinados restaurantes, ao mellor pouco coñecidos, a un sector da poboación interesado na cociña. Atopas locais que non necesitan ningunha publicidade, por estaren moi recomendados, e outros que non se visualizan en páxinas específicas e ben pagarían unha visita.

-Habitualmente as súas recomendacións son seguidas?

-Polo xeral, si. Teño moitos seguidores; coñecidos, algún blogueiro, e mesmo cociñeiros que acoden a locais recomendados e que posteriormente deixan tamén as súas reflexións sobre o local e o menú. Nisto hai de todo, coma en todo.

«As tendencias lévanche a probar un pouco de todo, pratos de distintas nacionalidades»

Flavia non prevé dedicarse profesionalmente á gastronomía, pero si quere continuar cos seus periplos. «É que me gusta comer. Gozo enormemente con iso».

-Pero é caro.

-Hai de todo. Podes atopar restaurantes carísimos e outros accesibles ao peto... Eu prefiro investir máis nisto que en mercar roupa nova, por exemplo. As tendencias lévante a probar un pouco de todo, pratos de distintas nacionalidades e prezos tamén moi variables. Mira, a finais de xullo, cos compañeiros da asociación da empanada estiven no restaurante de Martín Berasategui, que nos tratou fenomenal por certo, e sería para min un soño poder probar os seus pratos. Claro que non é un sitio que estea ao alcance de todas as economías. No Bohío de Pepe Rodríguez, onde tamén estivemos, puidemos probar a súa comida sorprendente e marabillosa, e o trato con nós tamén foi fabuloso.

-Recomendaría algún local?

-Claro. Ao Balado de Marta e Roberto, en Codeso, paga moito a pena ir, ao igual que a Vinoteca Cadeira, que rexentan Suso e Mónica, onde ofrecen una comida tradicional excepcional. Son locais que brindan moita sorpresa positiva a quen sentan nas súas mesas.

-Que citas gastronómicas ten para as vindeiras semanas?

-Teño unha comida no EcoHotel Nós, onde teñen unha carta moi interesante e unha cociña moi recomendable, e está pendente tamén facer unha próxima visita a Ourense para facer unha ruta de tapas.

-E dar conta logo de todo.

-É a idea. Espero que con máis axilidade que ata a data, pero, como dixen, editar lévame tempo e non podo descoidar os estudos, que a carreira é importante. Coa gastronomía gozo moitísimo, pero a miña intención non é vivir disto.