«Sempre pensei que esta era a novela da miña vida»

A. manso / j. B.

A ESTRADA

miguel souto

O escritor arousano foi galardoado co certame de novela García Barros convocado polo Concello da Estrada

21 jul 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

O escritor de Vilagarcía afincado en Vigo, Marcos Calvaeiro, gañou o certame de novela García Barros, convocado polo Concello da Estrada, coa súa obra O xardiñeiro dos ingleses.

-¿Como decidiu presentarse a este certame?

-Percorro todos os concursos da literatura galega. Tal e como está hoxe o mercado, publicar un libro sen a repercusión que aporta un premio é moito máis complicado de cara a vendelo. Se este libro o publicase en Galaxia sen o premio non estaría falando contigo seguramente.

-¿Que supuxo para vostede este galardón?

-Alegría, visibilidade e o feito de que é unha novela que xa leva moito tempo escrita. Non tivera sorte con ela por agora e xa pensaba que tiña algún problema que eu non era quen de ver. Tampouco son de retocar moito as novelas unha vez que as remato, e estaba nun caixón. Xa case estaba seguro de que acabaría alí enterrada.

-¿De que trata a novela?

-É unha novela da memoria. Da miña memoria persoal en Vilagarcía, onde me criei. Fala tamén dunha Vilagarcía que eu non coñecín, unha Vilagarcía anterior á Guerra Civil, a Vilagarcía dos ingleses onde había balnearios, praias, grandes chalés. É unha memoria histórica porque se reconstrúe toda esa época. Hai unha parte histórica que relata a Vilagarcía dos ingleses, a que pinta Sorolla e que visita Lorca ca barraca... e despois hai parte actual, un escritor que investiga o pasado do seu avó e enlaza ca época antiga.

-¿Podese dicir que é unha homenaxe a Vilagarcía?

-Evidentemente. Falo de moitos lugares e moitas lembranzas da miña infancia. Existe unha relación moi especial cos lugares da túa nenez. Sempre pensei que era a novela da miña vida pola implicación persoal que tiña con ela, hai moita base real da miña vida nesta obra.