Bágoas por un dezao universal

A ESTRADA

O seu sorriso acompañaba sempre ao escritor que facía gala do seu bo humor<span lang= es-es >. </span>
O seu sorriso acompañaba sempre ao escritor que facía gala do seu bo humor. Marcos Míguez< / span>

Multiplícanse os mensaxes de dor polo pasamento de Xosé Neira Vilas

28 nov 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

As comarcas súmanse a dor polo pasamento de Xosé Neira Vilas, un dezao universal que permanecerá vivo para sempre, non só na nosa literatura con letras de ouro, senón tamén nos corazóns de todos os que o coñeceron. Colectivos, institucións, empresas e veciños de toda idade e condición choran dende onte o pai de Balbino, ese neno de aldea que todos levamos dentro. Dende Cuba, Manuel Barros del Valle, facía constar en nome das directivas das asociacións Hijos del Ayuntamiento de La Estrada e da de Hijos del Partido de Lalín en La Habana o máis profundo pésame polo «amigo» e socio de honor das dúas agrupacións destacando que «la cultura gallega está de luto».

Loito en Cruces

O alcalde de Vila de Cruces, Jesús Otero, suliñou o amor que Neira Vilas sentía pola súa terra. O Concello decretou dous días de loito e lembraba a creación, en breve, do centro dedicado a Balbino, no que o Concello está a traballar.

José López, alcalde de A Estrada, sumábase o pesar pola morte do escritor cruceño sinalando que «é unha perda moi importante dunha persoa moi vinculada co noso concello., non só a nivel cultural senón tamén persoal». «Para moitos estradenses -indicou- é unha perda persoal, por non falar da súa figura na cultura», apuntando que é unha perda irreparable e o botaremos moito en falta».

En Silleda, o seu alcalde, Manuel Cuíña, lembraba que algúns dos últimos actos públicos aos que asistiu Neira Vilas celebráronse neste municipio. O domingo pasado en Cira, na representación de Espantallo Amigo e o 30 de outubro no centro cultural Vista Alegre, onde foi nomeado Socio de Honra. Cuíña engade que «era un home moi querido no noso municipio, era unha persoa entrañable a que sempre recordaremos con agarimo». O seu pasamento «é unha gran perda para todos os galegos, porque Neira Vilas é xa patrimonio de todos». Dende a asociación socio-cultural Adellís, de Silleda, explicaban que «o seu legado vai máis alá dunha extensa produción literaria. Para sempre con nós permanecerá unha lección de compromiso coa cultura, coa sociedade, coa nosa lingua, con Galicia», explicando que «quen tivemos a sorte de coñecerte botaremos en falta o entrañable relato das túas vivencias, a túa inmensa e xenerosa empatía cos máis cativos e coas persoas oprimidas e máis desfavorecidas». O BNG de Deza e Tabeirós-Terra de Montes lamenta a morte «do escritor que contaxiou o amor á terra e o orgullo polo noso e mantivo durante toda a súa vida unha defensa inquebrantábel da lingua en que se criou e na que escribiu a súa grande obra». Un home, engaden, que deu protagonismo literario á xente da aldea e se identificou como poucos co pobo ao que fixo singular destinatario da súa obra, e o que lle debemos tamén ter levantado acta da memoria da emigración e o exilio en infinidade de páxinas que nos legou para o inmenso labor que supón a recuperación da nosa propia historia».

Lembranzas

A Asociación Cultural Vagalumes, xunto co resto das entidades que constitúen a Federación Galiza Cultura, sumouse a perda «dun dos seus máis sobranceiros representantes». «Un creador, investigador e divulgador das nosas letras que estivo constantemente dedicado con todas as súas enerxías a que soubéramos máis de nós, que quixéramos e valorásemos o propio, que estivéramos orgullosos da nosa historia e do noso pobo», apuntan.

Vagalumes lembra a súa presenza continua nos centros de ensino na Estrada, nas actividades culturais e nas súas colaboracións. En Vila de Cruces, Carmen Lareo, de A Solaina, lembraba o amigo e escritor cruceño, habitual en todos os actos da agrupación. En Lalín, o historiador e cronista, Daniel González Alén, debullaba onte recordos, de como coñeceu a súa obra a primeiros dos sesenta cando chegou as súas mans Memorias dun neno labrego que, dice, «lin dunha sentada» e que co paso dos anos converteuse «no libro que teño na maior estima de cantos póseo». A Neira Vilas, comenta, coñeceuno en persoa no 1997, na Solaina de Piloño.

O agarimo que a zona sentía por Neira Vilas ten o seu reflexo na inmensa cantidade de mensaxes de dor é pésame que inundaron onte as páxinas webs, os correos e as redes sociais. De xeito individual e colectivo foron moitas as persoas que lembraron a o escritor e, sobre todo o home que, como lembraba onte o seu amigo Valentín García e o seu editor, Víctor Fernández Freixanes, «nunca falou mal de ninguén». Un home bo, no sentido máis amplo da palabra que foise dun xeito calado, que nos deixa un amplo legado e o recordo do seu sorriso perpetuo e da súa xenerosidade. A súa casa seguirá aberta para as xeracións futuras podan descubrir a aquel neno labrego que un día deixo Gres e comeuse o mundo e na súa volta converteu a súa aldea no centro do universo.

O escritor cruceño ía ser o pregoeiro da Feira do Cocido

A viaxe para reunirse coa súa querida Anisia Miranda impedirá a Neira Vilas cumprir cos moitos proxectos e encargas que tiña sobre a mesa. Un deles era exercer de pregoeiro da Feira do Cocido co que se sumaría a nómina de escritores como Otero Pedrayo ou Álvaro Cunqueiro que foron no seu día tamén quenes exaltaron a festa gastronómica. O alcalde de Lalín, Rafael Cuíña, destacaba «a verdadeira honra» que supuxo para el que «un home do prestixio de Neira Vilas aceptase ser o pregoeiro da Feira». Cuíña amosou o seu recoñecemento «a unha persoa excepcional que coas súas obras foi capaz de situar a paisaxe de Deza, a nosa paisaxe vital e afectiva, como unha dos espazos de referencia da literatura universal».

Pola súa parte, o voceiro do Partido Popular, José Crespo, no seu nome e no do PP de Lalín transmitiu o profundo pesar polo pasamento do escritor «ao que tiñamos gran admiración e un gran agarimo como persoa pola súa cordialidade e cercanía». Lembrou que no 2011, Neira Vilas foi nomeado comendador do Cocido e en decembro dese ano, Lalín adicóulle a rúa Memorias dun neno Labrego a súa obra máis senlleira cunha estatua de Balbino. CxL achegouse onte as 21.30 horas para depositar un ramo de frores ao pé da estatura de Balbino, a vez que amosaron un gran pesar pola súa perda e a súa dor e pésame á familia e achegados.