«O argumento do que botei man para vir é que é a Subida da casa»

A ESTRADA

O estradense, cardiólogo de profesión, está a competir na Copa de España do grupo CM do Campionato de España de Montaña, onde se sitúa sétimo

29 jun 2008 . Actualizado a las 02:00 h.

Combinar a cardioloxía como profesión, co mundo da velocidade e os coches como afición é posible. E senón, que llo pregunten ao estradense Xoán Sanmartín. Dende hai anos este doutorado en medicina, que exerce como cardiólogo intervencionista en Guipúscoa, aproveita o seu tempo libre para subirse ao seu monopraza e participar na Copa de España do grupo CM do Campionato de España de Montaña. Hoxe, aproveitando a recuperación da Subida a A Estrada, o piloto correrá na casa por primeira vez.

-¿Que fai un cardiólogo competindo no Campionato de España de Montaña?

-Para min é un hobby. Hai quen xoga ao golf ou ao fútbol, e eu compito con coches. A min sempre me gustou o deporte, e de feito, tamén practico outras modalidades, como bicicleta. Digamos que o motor forma parte da páxina deportiva da miña vida.

-¿Compaxínanse ben?

-Si, si se compaxinan ben. O fin de semana que hai competición acostumo a marchar xa o xoves para os sitios nos que se disputan as probas.

-Hoxe será a primeira vez que vostede compita nunha proba na casa.

-Pois si, é a primeira vez que compito na casa, e precisamente ese é o argumento do que botei man para vir: que é na casa. Ademais a Subida preséntase moi interesante, porque é un trazado moi rápido, e semella moi atractivo.

-¿O de xogar na casa anima a marcarse obxectivos?

-O que quero é pasalo ben. Hai moi bos pilotos e xente con moitísima experiencia que vai tomar a saída; tamén compite xente que ten moito rodado no Campionato de Montaña. Eu, sendo ambiciosos, diría que non estaría mal rematar entre os cinco primeiros.

-Competirá aos mandos dun BRC (Bango Racing Car).

-Si, é un monopraza con motor de moto de mil centímetros cúbicos e de 180 CV. con carrozaría.

-É o vehículo co que está participando no Campionato de España.

-Así é. Compito na Copa de España CM do nacional de Montaña. É o cuarto ano que participo, e este ano a tempada está indo ben, aínda que hai un nivel de competitividade moi alto. Estamos sétimos na clasificación a falta de tres probas, e con manter ese posto xa estou contento, porque hai grandes pilotos apertando para estar aí arriba. Eu estou competindo coa escudería Langreo Motor Club.

-¿O seu BRC adáptase ben ao trazado da Subida a A Estrada?

-Aquí adáptanse mellor os fórmulas porque teñen unha aerodinámica máis acorde co percorrido, pero penso que tampouco se vai adaptar mal o BRC.

-Vai tentar estar entón o máis preto posible do podio.

-A inscrición é moi competitiva, e por exemplo en monoplazas, están todos os galos do curral. Eu penso que o público o vai desfrutar moitísimo porque ademais os tres, catro primeiros do Campionato Galego de Montaña tamén van a saír a por todas.