A Fundación de exposicións e congresos da Estrada presentou onte oficialmente a nova convocatoria do premio xornalístico Manuel Reimóndez Portela, que este ano cumprirá a súa décimo terceira edición.
Os artigos participantes no certame poderán ser presentados polos seus propios autores ou ben polos lectores. Deste xeito, a organización pretende implicar no premio ás dúas partes do proceso comunicativo. Os artigos terán que estar escritos en galego e publicados antes do 30 de xuño en calquera medio de comunicación escrito ou ben electrónico.
Poderán presentarse ata o día 11 de xullo nun sobre pechado que se debe facer chegar á sede da Fundación de exposicións e congresos da Estrada, situada na zona deportiva.
Os traballos poderán versar sobre calquera tema cultural. Nas primeiras edicións do certame, os autores debían centrarse nun lema proposto na convocatoria, pero a Fundación deciciu suprimir este requisito para dar maior liberdade de creación. O premio para o mellor artigo ou serie de artigos (pódense presentar ata un máximo de cinco por autor) está dotado con 1.500 euros, trofeo e diploma acreditativo.
O xurado, que aínda está por nomear, emitirá o seu fallo a principios de setembro. A entrega do premio farase efectiva nese mesmo mes, coincidindo coa celebración da Feira do Moble de Galicia. Segundo adiantou onte o concelleiro de Cultura da Estrada, Manuel Sanmartín, na presentación do premio, o acto de entrega estará presidido polo escritor estradense Cabada Castro.
Os organizadores do certame resérvanse o dereito de publicación dos traballos gañadores. Algúns dos premiados en edicións pasadas foron editados en dous volumes publicados pola Fundación.