Espadachíns

MARTIÑO SUÁREZ

A ESTRADA

¡ARRE HO! | O |

02 nov 2004 . Actualizado a las 06:00 h.

NON SEI por que razón, pero ultimamente penso moito nas películas de espadachíns aquelas dos corenta, que parecían coreografías con arma branca de por medio. De tanto en tanto asáltame a imaxe do chico -poñámoslle por exemplo a barbica e os pantalóns paqueteros de Errol Flynn, e un certo acento da Estrada, para entendérmonos- acurralado, atrapado contra a última parede do palacio dalgún vello rei ao que foi salvar das mans da chusma. Enfrente, a punto de rebanarlle o gañote, está o malo, un tipo con pinta de brutote, uñas denegridas e greñas aceitosas, un tipo sen escrúpulos que non respecta as leis tácitas da profesión, e que prefire valerse da manipulación das masas campesiñas, pulpada mediante, para conseguir o poder derrocando ao monarca lexítimo. Pese ao dramatismo do momento -o florete do malo está a un par de centímetros de facer dimitir a gorxa do protagonista-, o bo da película non perde as formas, e aínda é capaz de facer algunha broma audaz que pon furioso ao seu captor. E entón, xusto cando o vilán vai degolar o noso amado esgrimista, aparece, recén chegado de Madrid, por exemplo, e cun certo ceceo que lle dá humanidade, digo eu, outro espadachín de corazón limpo, que vén en axuda do ben. Un pensa unhas cousas que....