Vivimos o San Benito máis triste de todos

Antonio Crespo

DEZA

Cando estábamos no campo da festa antes da misa, empezou a percorrelo unha mala ola de tsunami, de auga xeada, que nos puxo un nó na gorxa a todos os que alí estabamos. Que a Juan lle dera un infarto na recta de Sello. Ata o cura, que lle coincidira pasar por alí cando intentaban reanimalo, rezou por el na misa. Ao final non foi ben.

Tiñámolo de veciño da porta. Se puidera pedir ter ao mellor do mundo, pediría ter a alguén coma Juan e a súa familia. Sempre disposto a axudar, sempre co sorriso permanente, sempre positivo. Confianza cega por instinto e por natureza.

Juan fixo moito polos demais. Cada vez que facía falta sacar adiante un proxecto para o pobo, aí, normalmente na segunda fila, sen destacar e empurrando coma o que máis, levando o xugo con frecuencia, aí estaba el.

Algúns casos: Na posta en marcha e nas primeiras edicións do rali de Lalín (agora rali do Cocido), cando nos xuntamos uns cantos para facer realidade aquela ilusión, aí estaba el como peza fundamental de equilibrio e traballo, e como non era suficiente, meteu a axudar tamén a unha boa parte da súa familia. Por suposto, todos dun xeito altruísta. Así se empezou.

O primeiro presidente do club tenis de mesa Lalín foi el, axudado por Pepe Dominguez, club polo que pasaron moitos rapaces e no que seguimos a día de hoxe.

Para facer e sacar adiante o circuíto de motocrós do Carrio, aí estivo el (con Palmeras e algún máis) facendo de bisagra entre os dous motoclubes que había daquelas para facelo posible.

El e Carlos Seixas (Bernabé) foron os piares sobre os que se sostivo ao inicio o motoclub Km0, os principais responsables de sacar adiante o Motococido. Cando Carlos deixou a presidencia, seguiu Juan un tempo que el quixo que fora de transición ata que se incorporou Valerio.

Cando había que axudar nos distintos campionatos, nos de enduro, nas bicis, nas carreiras a pe, ¿quen botaba unha man para os trazados, para cronometrar, para facer de apoio? Juan...

Estes casos son os primeiros que me veñen a memoria sen esforzarme nada. Estou seguro que quedan bastantes máis.

Deixounos moi tristes. Non vexo maneira de arranxalo por agora. Seguro que vai a seguir moito tempo entre nos, na nosa memoria pois fixo méritos para elo. Cando esteamos con Ana, con Alberto, con Mari Fe, con Marisol, con Isabel, con Luis e co resto da súa familia, veremos tamén algo del. El foi sempre xeneroso connosco. Cada un de nos deberemos corresponder, cadaquén, como mellor lle pareza.

Fonda aperta entrañable para toda a familia e tamén para todos os amigos de Juan, que somos moitos.