O Concello da Estrada presentou onte a que será a imaxe do Ano Cultural 2026, dedicado á estradense Virxinia Pereira Renda.
A imaxe será unha ilustración da deseñadora estradense Rosa de Cabanas, que xa incluíra un retrato da dona de Castelao na súa serie Mulleres valentes e tamén se encargou de ilustrar A vida incerta, a biografía de Virxinia Pereira firmada por Montse Fajardo. Para Rosa de Cabanas foi un reto crear unha nova imaxe da estradense. Desta volta, a deseñadora botou man do simbolismo e, recuperando o xeito dos retratos anteriores, debuxou unha Virxinia menos figurativa, sen rasgos faciais, na que destacan sobre todo os dous obxectos que aferra: un libro e unha flor azuis. Non son casuais: falan de galeguismo e dunha muller culta, defensora das mesmas ideas ca Castelao e defensora do legado do seu home, que segue vivo.