Baixo o nome da «Entrada da esperanza», todo o que se recade o 9 de novembro, destinarase á investigación do DIPG
23 oct 2025 . Actualizado a las 05:00 h.O primeiro que din desde a Asociación de Veciños San Pedro Félix da Xesta (Lalín) é que a pequena Lara non está nada ben de saúde, «pero imos seguir coa iniciativa do obradoiro teatral benéfico por Lara, e por todos os cativos que están nunha mesma situación de enfermidade, e que só apoiando a investigación teñen unha esperanza de vida».
Con tan só cinco anos Lara foi diagnosticada cun DIPG, un tumor cerebral infantil extremadamente agresivo para o que, polo momento, non existe unha cura definitiva. A única esperanza que se abría para a pequena cruceña era participar nun ensaio clínico pioneiro, cun tratamento financiado pola Fundación Álvarez Muelas con virus oncolíticos, e aí comezou a ola de solidariedade non só dun pobo senón tamén dunha comarca, e dun país, despois de que transcendese a campaña emprendida pola familia da cativa para impulsar as doazóns para a investigación deste tipo de tumores raros e letais.
Así os veciños da Xesta tamén queren aportar o seu grao de area nesta campaña e programaron para o próximo 9 de novembro un obradoiro teatral benéfico, que impartirá a actriz Cristina Collazo, aberto á participación de calquera interesado e cuxa recadación irá destinada integramente á familia da pequena cruceña que conta tamén con familiares na parroquia lalinense.
Esta actividade comezará ás 17 horas no centro social parroquial, e terá un prezo de 10 euros para os asistentes. Unha xornada na que se porán tamén á venda manualidades elaboradas por unha familiar da cativa, todo impulsado coa esperanza de que a investigación permita frear esta devastadora enfermidade que afecta a cativos.
Programa de outono
Por outra parte, o colectivo veciñal lalinense celebrará tamén como todos os anos o seu tradicional magosto. Será o 15 de novembro, sábado, ás 21.30 horas cunha cea de confraternidade e música en directo. O menú a base de empanada, torresmos, chourizo, lacón asado, sobremesa, bebida e café ten un prezo de 22 euros, mentres que para os cativos ata os 10 anos será de balde, e as entradas xa están á venda. Poderán mercarse ata o próximo 12 de novembro.
A parte musical da noite correrá a cargo de Punto Cero, e a directiva anima á participación veciñal, agardando que o encontro sexa tan numeroso como o do pasado exercicio.
As actividades programadas desde a Asociación de Veciños San Pedro Félix de A Xesta continuarán ao longo do próximo mes cun obradoiro de velas con cera de abella, que correrá a cargo da artesá Yolanda Castro, que é tamén creadora de MoiNosas. A cita coas manualidades está fixada para o próximo 26 de novembro a partir das 17 horas, e tamén é preciso formalizar anotación previa dirixíndose a calquera integrante da xunta directiva da asociación.