Un elo máis na cadea da fe

Marcos Torres, párroco de Lalín

DEZA

15 oct 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Miroume aos ollos e, cunha seriedade e solemnidade estremecedoras, díxome: «Sea siempre un pastor de amor y de misericordia.»

Hai días nos que a gratitude pesa máis que as palabras. Cando un sente o cariño da xente, cun respecto tan sinxelo coma certo, e mans achegadas sen estrondo, entende que non é outra cousa que unha caricia de Deus a través do seu pobo.

Porque todo é don: a vocación, o servizo, os lugares e as persoas que o Señor pon no camiño.

Nada é noso. Nin o tempo, nin a palabra, nin os outros, nin o pequeno espazo de historia que nos toca habitar. A vida dun crego é de Cristo e para Cristo.

E o máis grande que podemos facer é gastarnos e desgastarnos por El e polos seus, ata quedar sen nada, coma unha vela que se apaga dando luz.

Quen sabe que traerán os días e as noites? Ninguén o sabe, só Deus. Pero si sei que a súa vontade —que para un sacerdote se manifesta de modo especial

na docilidade ás decisións da Igrexa e daqueles que a guían— é sempre o mellor camiño.

Porque nesa obediencia maniféstase a fe, e nela recoñecemos a man amorosa de Deus que guía a nosa historia. Nos últimos días houbo unha recollida de sinaturas, xa rematada, que pretendía ser —

e foi— un xesto de agradecemento pola labor realizada ata hoxe como sacerdote.

Agradezo sinceramente esa mostra de afecto.

Mais, se algo se fixo ben, foi por graza de Deus e pola vontade da Igrexa, que é quen

confirma a vocación e nos ordena para servila.

E, en rigor, o único que fixen foi ser un pequeno elo máis na longa cadea de fe desta terra, unha historia que comezou hai séculos e que continuará moito despois de nós.

É doroso ver ás veces que o cura se converte en noticia. Porque non debería selo. O centro é Cristo, e con El, os seus.

Xa lembrara neste sentido o papa Benedicto XVI:

«O sacerdote non se anuncia a si mesmo nin busca seguidores para si. Non é o centro, senón unha ponte cara a Cristo. O pobo que serve non lle pertence: pertence a Cristo.» Nós, os curas, só estamos para servir, unir, consolar e conducir cara a El.

Todo o demais é ruído, distracción e ego.

Grazas polo cariño. Seino inmerecido, pero tamén sei que é un cariño limpo, nacido do amor á Igrexa e ao sacerdocio que a serve. E iso conforta o corazón. Que este afecto compartido non se perda en palabras, senón que acompañe sempre aos

que temos a misión de repetir e repetir o nome de Cristo… e retirarnos.

O 28 de outubro de 2016 tiven a graza de estar co papa Francisco, nun encontro posible pola bondade do noso bispo. Aquel día, o sucesor de san Pedro miroume aos ollos e, cunha seriedade e solemnidade estremecedoras, díxome: «Sea siempre un pastor de amor y de misericordia.» E así, un elo máis na cadea.

Hoxe, e ata que Deus queira.