«O obxectivo é ter director titular, pero serán da casa ata primavera»

amelia ferreiroa LALÍN / LA VOZ

DEZA

E CUIÑA

Coa rescisión do contrato a Van Bree ábrese nova etapa na agrupación

13 sep 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

O pasado mes de agosto deixou no seo da Banda de Música de Lalín unha nova de calado: a baixa do músico holandés Marcel Van Bree como director da formación. Un posto que viña ocupando nos últimos tres anos, que queda vacante, e que abre un novo proceso de contratación.

—Que motivou a marcha de Marcel Van Bree como director da Banda de Lalín?

—Bueno o ambiente xeral na banda non era o máis propicio entón tomamos a decisión de darlle un cambio de aires. Decidimos rescindirlle o contrato a Marcel da mellor maneira posible, tratando de encarar a situación do mellor xeito para el e para nós... Agradecerlle moitísimo o seu traballo nestes tres anos e medio, e agora estamos traballando na elaboración dunha guía a seguir para seleccionar á persoa que se fará cargo da banda. O certo é que non temos presa xa que contamos na agrupación con moitos directores titulados, e non titulados, que se poden facer cargo da dirección. Non queremos correr senón facelo ben. Non temos apuro.

—Pero na súa meta estará contratar un director ou directora titular?

—O obxectivo claro que é ter director ou directora titular, pero serán da casa ata a primavera. Imos tirar dos que temos ata entón. De feito para o concerto do domingo das Festas das Dores será Cheíto (José Luis Taboada) o director, para o de Santa Icía contaremos con Santi que dirixe a banda xuvenil, José Bugallo será o encargado de dirixir a banda no concerto de fin de ano, e estamos pechando o do cocido. Todas as actuacións están cubertas ata ben entrada a primavera, o que nos proporciona tempo suficiente para dar coa persoa axeitada para dirixir a Banda de Lalín. Terán que presentar os seus proxectos, e xa valoraremos o que mellor se poida adaptar ao posto.

—A carencia de director non está entón ralentizando a actividade.

—En absoluto. Estivemos nas festas de Goiás, esta fin de semana estaremos nas de Donramiro, estamos preparando o concerto especial das Dores...

—Máis cun concerto o do domingo das Dores é un espectáculo.

—Tentamos que o sexa. O do domingo día 21 con The Maravillosos Tenors é unha estrea mundial xa que nunca actuaron cunha banda sinfónica. Son catro mozos de distintos puntos de España que se xuntaron para facer este cuarteto e interpretan música que abrangue o pop, rock e lírica. Para aqueles que non os coñecen dicirlles que se asemellan a Il Divo. Creo que o público gozará deste espectáculo, que conta cos arranxos feitos por un compositor da Bandeira, que se chama Sergio, e foi alumno de Benxamín Otero. Transformou as partituras nun traballo espectacular que se gravará en vídeo e audio para despois promovelo a nivel de país. Creo que é un espectáculo moi novidoso.

—Serafín Zubiri, Abraham Cupeiro e agora The Maravillosos Tenors. Como se xeran este tipo de concertos conxuntos?

—Ollamos o que se está promovelo no momento con produtoras, o que nos parece que pode ter encaixe, e despois é cuestión de ver dispoñibilidade de datas e tamén o que custa desprazar aos artistas para unha actuación destas características.

—Canto tempo levan preparando co concerto do domingo das festas de Lalín?

—Dende o luns das festas das Dores do ano pasado (ri). É así. Rematamos o concerto do domingo, e ao día seguinte comezamos a traballar no seguinte. Son moitos os flecos que te atopas no camiño e por resolver.

—Manteñen a Praza de Loriga, pero nesta ocasión comezará a actuación ás 22 horas.

—O emprazamento pensamos que é o axeitado para este tipo de concertos, e ás dez da noite xa está todo o alumeado aceso é o ambiente pode ser extraordinario. Os anos anteriores foi así e agardamos que este tamén o sexa, e o público goce do concerto.