Na Casa de Galicia en Madrid inaugurouse o mércores a exposición fotográfica Soan Campás-Galicia, do fotoperiodista lalinense Manolo Seixas para conmemorar o 25 aniversario da doazón das campás da catedral de Santa María La Real de la Almudena, por parte da colectividade galega en Madrid, saídas do obradoiro Ocampo en Caldas de Reis, cun orzamento de máis de sesenta millóns de pesetas, que dende entón soan na torre-campanario deste templo, coñecida dende aquela como a Torre dos Galegos.
O acto serviu tamén para homenaxear e recoñecer ao fotoperiodista lalinense Manolo Seixas, polo seu labor durante máis de 50 anos ao servizo da colectividade galega en Madrid colaborando de xeito notable coas institucións públicas e privadas, asociacións, colectivos de diversa índole e mesmo particulares, deixando memoria gráfica de milleiros de actividades levadas a cabo na capial de España
O director da Casa de Galicia, Luís E. Ramos, logo da inauguración da exposición do medio centenar de fotos que rememoran aquela xenerosa doazón da colectividade galega en Madrid para coa cidade que os acolleu, foi o encargado de facerlle entrega ao fotoperiodista lalinense dunha placa da Xunta de Galicia, co texto: «En agradecemento a Manolo Seixas Calviño, fundador de Lalín Press, pola súa relevante achega á memoria gráfica da galeguidade en Madrid». No acto estivo arroupado por autoridades, familiares, amigos e compañeiros.