«Hai cousas moi chulas para as crianzas, pero é importante contribuír a que os libros sexan unha opción»

amelia ferreiroa LALÍN

DEZA

05 jun 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

A escritora e educadora social ourensá Rita Doallo estará este sábado, 7 de xuño, ás 12.15 horas na librería Nigraponte de Lalín para achegar un contaconto en torno ao seu libro titulado Que enleada coa piada, que foi publicado no pasado mes de marzo polo que se pode considerar aínda unha novidade, segundo mesmo apunta a autora.

—Unha actividade que presenta para crianzas dende os 3 anos.

—E ata os 99 anos ou máis (ri). É unha actividade pensada para todos os públicos. Levo o conto conmigo para dalo a coñecer, e represento a historia que sucede nel no que hai unha bandada de paxaros e de monos. Colibrís, tucanos, guacamaios e monos na selva, xa que tiña a idea de que o conto tivese lugar alí.

—Precísase dunha sensibilidade especial para escribir para os cativos?

—Non escribo para adultos entón non sabería dicir, pero para escribir literatura infantil como fago eu hai que facer o esforzo de facelo para un público que é diferente a ti mesmo, tes que adaptarte ao seu momento evolutivo, á súa psicoloxía e facer o suficiente para atraelos e que lles guste ese libro cando dispoñen de moitísimas cousas preciosas ao seu carón.

—Tendo enfronte, por exemplo, as pantalla de todo tipo que son usadas cada vez a idades máis temperás.

—Hai cousas moi chulas para as crianzas, pero é importante contribuír a que os libros en papel sexan unha opción e que se vexan como un instrumento de crecemento e algo súper valioso. Este conto en particular é unha obra rimada, con versos pareados octosílabos, entón tamén ten esa pequena dificultade de intentar respetar a métrica e que a rima estea ben construída.

—Ronda xa a posibilidade dunha nova obra?

—(Ri). Algo hai... Xa teño algunha idea para o seguinte, pero polo de agora é pronto.