Cuíña apoia un selo de calidade e convida a reflexionar en abrir os comercios na Feira do Cocido

La Voz LALÍN / LA VOZ

DEZA

27 feb 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

«Négome a criticar a Feira do Cocido». Así de rotundo e categórico se expresou Rafael Cuíña onte nos micrófonos de Radio Voz Lalín no seu balance da pasada edición do evento gastronómico, consciente —dixo— do traballo inxente que supón unha feira desta magnitude. Sí incidiu na necesidade de que se rexenere todos os anos con algo novo, «como fixemos nós coa carpa que se mantén, ou as actuacións do domingo pola noite que viñeron para quedarse e funcionan moi ben».

Insistiu sobre a conveniencia de non baixar a garda, e que os locais de hostalaría ofrezan os mellores produtos, «por iso penso que o selo de calidade, que anunciou Crespo, é máis que necesario e determinante para os próximos anos». E un convite á reflexión para os comerciantes locais á hora de abrir os seus establecementos no día grande do Cocido, «unha tenda rexida por chineses estaba chea de xente, e gustaríame que algúns valorasen esa posibilidade. Respecto a quen non o queren facer pero, eu abriría? Probablemente», significou.

Ante a presentación da solicitude do goberno aos fondos Feder da Estratexia de Desenvolvemento Integrado por un montante de 15 millóns, Cuíña encomiou o traballo feito pero «o que me preocupa é o pulmón económico do concello para poder afrontar a financiamento que irá ao 50/50, pero tamén é complicado que nos dean a totalidade do solicitude e os cumprimentos serán moi estritos».