Carlota Salgado: «Poder crear para unha festa de toda a vida é un enorme agasallo»

amelia ferreiroa LALÍN / LA VOZ

DEZA

Miguel souto

Dúas Maruxas da localidade, mulleres empoderadas, ilustran este colorido traballo

01 jun 2024 . Actualizado a las 13:49 h.

Do maxín da artista cruceña Carlota Salgado Leal saíu este ano o deseño do cartel anunciador da Festa da Empanada da Bandeira, que para o mes de agosto cumprirá medio século de vida, a pesar de que as edicións levan dous anos de retraso por unha pandemia que adiou máis dunha actividade. A tres meses do evento gastronómico, comeza a promoción dun evento «de toda a vida»; según comenta a autora dun traballo «que é moi especial, por moitos motivos».

—Cales son pois eses moitos motivos especiais?

—(Ri). É unha festa próxima, á que vou. É o primeiro encargo que me fan dun cartel, máis motivos que fai isto especial, como tamén o poder crear para unha festa de toda a vida, moi nosa, e iso é un enorme agasallo. Dá gusto que exista unha asociación que traballe tanto, que se vaia renovando, pero que continúe co legado daqueles primeiros veciños que puxeron os alicerces da festa.

—Que imos ver neste traballo anunciador da 48 edición do evento gastronómico?

—O obxectivo era conseguir representar ás Maruxas da Bandeira, mulleres que estaban detrás da elaboración das afamadas empanadas, e así se ven no cartel.

—Como lle chega este encargo exactamente?

—Pois a través do equipo directivo da Asociación Cultural Amigos da Empanada que me propón facer o cartel, e me pide que represente a esas mulleres, silledenses empoderadas e fágoas co rodete no alto. Son dúas mulleres modernas, pero que seguen mantendo a tradición.

—Maruxas na Bandeira hai un bo puñado delas entón, en quenes se inspirou para facer o cartel?

—As dúas Maruxas que aparecen no cartel están inspiradas en varias mulleres... A asociación tamén conta cun interesante arquivo fotográfico do que puiden tirar e ollar, outras rasgos desas mulleres son dalgunhas que coñezo da rúa... O cartel reflicte unha imaxe cotiá desas mulleres cos seus rodetes no alto, amosando empoderamento... É seguir un pouco a liña que buscaban os directivos da asociación para este cartel número 48, ao igual que unha empanada de polbo, un carro rústico galego e antigo nunha romaría, unha folla de carballo en clara alusión á carballeira onde se celebra a Festa da Empanada, e todo elo nunha xornada de troula. Fixen un remexido, un traballo con moito colorido que espero que lle guste aos veciños e a todos aqueles que teñan a oportunidade de velo.

—Un proceso laborioso para chegar á fase final.

—Bastante laborioso. Ao comezo ían ser tres mulleres as que protagonizarían o cartel xa que eu formo parte do equipo Sororas, e somos tres (ri). Pero finalmente, e por unha cuestión de espazo, tiven que cinguirme a dúas Maruxas; afinamos a representatividade de ditas mulleres en só un par.

—Dende que xurde o encargo ata que remata o traballo, canto tempo foi empregado?

—Penso que foron uns dous meses. O certo é que estou contenta co traballo realizado, aínda que un chisco nerviosa ao ser o primeiro cartel que fago. Ao ser unha obra para unha festa que posúe tanto recoñecemento, pois tamén faime moita ilusión.

—Coa cantidade de obras que levou a cabo ao longo de todos estes anos, pode resultar estrano que sexa o seu primeiro cartel.

—Pode (ri). Non xurdiu a oportunidade, pero ao mellor con este traballo veñen outros de semellantes características. Nunca se sabe... Ata o momento estiven máis centrada no ensino, na música, na elaboración de murais, cadros e unha boa morea de obradoiros creativos como os que levo a cabo coas compañeiras Nerea Fiuza e Paula Rivela de Sororas.

«O Merza Mural, coas xornadas artísticas na natureza, serán no mes de xullo»

Mentres a Festa da Empanada da Bandeira segue engrosando a nómina de pregoeiros e cartelistas, onde Carlota Salgado Leal xa ocupa un asento, a artista cruceña continúa debuxando proxectos artísticos e musicais. «Á marxe deste traballo que está practicamente rematado, andamos con actividades en Sororas, está o Merza Mural que celebraremos para xullo no que tamén estamos centrados, e están as clases de frauta nas que enfilamos o final de curso», comenta.

O proxecto Sororas, nado da man de Nerea Fiuza, Paula Rivela e Carlota Salgado, está colleitando interesantes éxito alí onde se asenta. Pero que fan exactamente? «Somos un equipo que facemos obradoiros de creación —audiovisual, música,...—, con perspectiva de xénero, no que teñen cabida tamén os xogos tradicionais», explica Carlota. Unha das súas últimas creacións son os Murais de Xigantas, personaxes creados para empoderar sobre os que pivotan historias, e que se poden ver en varios colexios como o Xoaquín Loriga de Prado (Lalín), López Ferreiro, Vite,... e que proximamente terán presenza no CIP de Agolada. «Os bosquexos xa están feitos, e tratarse dunha iniciativa enmarcado nun programa de igualdade e alí levaremos as nosas Xigantas en Igualdade ou tamén chamadas Xigantas en Lila, que son murais nos que apelamos á colaboración das crianzas para a súa elaboración. Participan dun xeito activo, e é moi fermoso», dixo.

E no mes de xullo tocarán as xornadas artísticas na natureza, a undécima edición do Merza Mural, que conta coa colaboración do colectivo Vello dos Cornos e da Banda de Merza. «É unha actividade para todo tipo de público dende os 4 anos. Temos 30 prazas, e xa só quedan 8 polo que barallamos ampliar o cupo. Algo debemos estar facendo ben», sorrí.