En recordo a José García

Ángeles Baldonedo TRIBUNA ABIERTA

DEZA

05 ago 2023 . Actualizado a las 20:48 h.

xa pasaron tres meses e seguen sen saírme as palabras. O teu recordo está presente en cada recuncho do noso centro e a túa ausencia marca cada actividade que facemos. Non somos capaces de pasar páxina, pero tampouco queremos facelo, porque a historia de Aspadeza, esa que imos escribindo cada día, sempre vai ter a túa esencia. Compartimos moitos momentos xuntos: de traballo, de ocio, de dar a coñecer Aspadeza e de poñer en valor e loitar polos dereitos das persoas con discapacidade. Isto último enchíanos de orgullo ós dous. Foron dez anos nos que seguramente eu aprendín moito máis de ti que ti de min. Esa aprendizaxe é o máis valioso que me podías deixar.

Abriches moitas portas e demostraches sobradamente a valía, esforzo e implicación das persoas con discapacidade. Sempre serás un referente para os teus compañeiros e un exemplo para todos nós.

Estes días, se cabe, aínda te recordo un pouco máis; xa que nestas datas sempre tiñas un detalle ou unhas palabras de agradecemento para nós, os profesionais do centro. Pois hoxe, no teu nome e porque sei que che gustaría, quero facelo eu. Quero agradecer o traballo, esforzo e implicación de todos e cada un dos profesionais do centro.

Grazas por seguir sempre aí, incluso nos peores momentos, por ese cariño e empatía que conseguen facer de Aspadeza unha gran familia, por ese equipo que formamos e do que me sinto tan orgullosa, por rir e tamén chorar xuntos, por saber estar nos bos e nos malos momentos e por priorizar sempre o benestar dos usuarios. Non está sendo doado pero a vosa fortaleza e implicación son o que fai que sempre sexamos capaces de remontar, de seguir adiante… e desta vez, por suposto que tamén o faremos!

Non só se trata de ser un bo profesional, senón de ser una boa persoa e diso deixounos o mellor exemplo José.