Merza brinca ó baleiro

Pablo Viz Otero
Pablo Viz LALÍN

DEZA

Pablo Viz

Tras século e medio a parroquia cruceña volve quedar sen escola pública

10 sep 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Foise deitando o sol sobre a escola / e apagouse, papado por las brétemas./ Fóronse as formigas do Formigueiro;/ onde antes había nenos xa so hai sombra.

O primeiro día de escola no flamante grupo de Merza fun facer unhas fotos. Arrancaban os anos oitenta. O pasado xoves, pouco máis de corenta anos despois, fun certificar o seu peche, no primeiro día sen escola na parroquia, con chave e cadea precintando o recinto e con restos de bandeiríns de recentes e gozosas xornadas musicais.

Alí, no Formigueiro, nun extremo da Moa, o impecable edificio veu como se lle foi poñendo o sol, como o nubrarao as brétemas, como se apoderaron del as sombras. E pensei neses corenta anos e pico, nos máis de cen nenos que algún curso chegaron a formarse para a vida entre as súas paredes e nos patios, e nos menos de media ducia, privilexiados, os derradeiros, pero poucos definitivamente para termar do peso de tanto espazo e de paredes tan grandes.

Xa bordearamos o drama hai case unha década, cando os pais tiraron e arrastraron a toda a sociedade á resistencia ata conseguir estes anos de prórroga.

Hoxe, é evidente que fallamos. Ralentizamos a fábrica de fillos, esquecemos dotacións básicas e nunca pareceu importarnos que iamos camiñando cara o vacío. E, hoxe, brincamos. Demos o salto cara a nada, que me leva a pensar que, se deixamos apagar o corazón da parroquia, todo o demais que creamos con suposto éxito non deixan de ser termitas que engordan para morrer mentres nos embriagan de falsa autoestima da Merza bonita.

A Merza levoulle séculos activar o principal polo de desenvolvemento dun pobo, a escola. Hai preto de cento corenta anos que tivemos a primeira escola pública, como espallou X. Villar, citando como valedor dese logro a Ramón Villar, sendo alcalde do municipio e presidente da Deputación de Pontevedra en 1886. Eses son os anos que nos levou apagarlle a luz, que é a única que ilumina o futuro.

Fomos quen de apagala e, dando unha voltiña o xoves pola parroquia, tal parece que non pasou nada. Nin sequera tocaron as campás, que soan cando hai algún drama. Pero queda a cadea para que non abra a cancela. E, queda, na parede, —¡será posible!—, unha nena, pensando, ó carón dunha planta que florece, que por un momento chegou a emocionarme, a deixarme con un gromo de esperanza.

Foise deitando o sol sobre a escola/ e apagouse, papado por las brétemas./ Fóronse as formigas do Formigueiro;/ onde antes había nenos xa so hai sombra.