A don Manuel

David Otero

DEZA

10 abr 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Velaí como este 11 de abril recollemos unha mandiña de cincuenta flores nosas e de memoria para Don Manuel García Barros («Ken Keremos», dicimos nós e el «Ken Keirades»). Hai cincuenta anos da súa morte, o 11 de abril de 1.972, en Pousada de Callobre, el natural da Parroquia de San Vicenzo de Berres. Mestre, xornalista (moi en especial entre outros no Estradense e en El Emigrado que dirixía Otero Abelleira), agrarista e sindicalista, animador cultural, por ex. nos Pereiriños, no Coro Airños da Ulla e en grupos de teatro, escritor, poeta, laureado en varios certames literarios, membro da Asociación de Escritores de Galicia e da Real Academia Galega, tamén un bo colaborador veciñal, si, xustamente dos de botar unha man (ou as dúas) no que se puidese. Pola súa militancia en Galiza, na igualdade e na xustiza, por expresarse libremente, polo seu limpo espíritu crítico, foi usuario do cuartelillo (no «chiquero» como se lle dicía en especial ao calabozo) en varias ocasións e asemade do cárcere en Pontevedra coincidindo con don Francisco del Riego. Co triunfo dos golpistas, encabezados polo «funeralísimo», perdeu a súa condición de funcionario mestre e asemade, o seu facer en liberdade, veuse acoutado, así como o saberse pendente de irse (paseado, «vendimado») ou librar.

De todas as maneiras, el permañeceu nas súas e non comungou cos vencedores. Nunca o restauraron oficialmente na súa condición de mestre. Viviu nun exílio interior cheo de carencias. Don Manuel, autor entre outras obras de Contiños da Terra, Sonata de San Xoán, Enredos e As aventuras de Alberte Quiñoi, será unha obrigada referencia de nós, así como tamén a mornura que dea forzas e enerxías aos afectos e recordos, memoria sempre, para a súa persoa.

Todas e todos postos no abrazo irreductible, xunto con el, de lealdade a este pobo A Estrada e así a Galiza sempre.