González Alén: «Melchor Núñez de Taboada era un erudito brillante que podía facer de todo»

Rocío Perez Ramos
Rocío Ramos LALÍN / LA VOZ

DEZA

Cedida

González Alén presenta o día 15 unha biografía deste ilustre e descoñecido lalinense que brillou na Francia revolucionaria

13 oct 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

O historiador e cronista lalinense, Daniel González Alén, presenta o vindeiro venres, día 15, ás 20.30 horas no Museo Ramón María Aller un novo volume da colección Deza Básicos dedicado a Melchor Manuel Núñez de Taboada, (Bendoiro 1775-París 1840), «un erudito lalinense que brillou na Francia revolucionaria» e que ten unha biografía tan apaixonante como descoñecida. González Alén conta que «era alguén totalmente ignorado. Tiven coñecemento del fai uns 12 años e quen me puxo na pista foi Gonzalo Navaza que me falou del».

Mergullar nos datos na súa vida non foi doado e supuxo «un traballo de mil horas», aínda agora, xa rematado o libro, explica Daniel González Alén, xorden novas pistas. Unha delas os pode levar a saber onde ficou enterrado indicando que «Gonzalo Navaza ten unha idea e eu teño un informante e andamos mirando con algunha nota do testamento, pero é un capítulo que aínda non está pechado» e que terían que comprobar en París, ademais de continuar recollendo máis información que permita seguir afondando na vida de Melchor Núñez de Taboada.

Xa sabían que casara e agora parece ser que tivo un fillo. González Alén está tamén na procura dun posible retrato ou un debuxo que lle poña cara. Sabe que «era un home moreno, de elevada estatura e barba» e que son detalles que refería o seu pasaporte. Conta que «os seus pais tiveron 19 fillos e ao ser fidalgos sempre lle atopaban un acomodo, uns ían para militares, outros para cregos, outros casaban con xente de liñaxe, algúns ata con curmáns. A Melchor e algún outro o mandaron para Samos, onde foi frade». González Alén explica que «eran épocas de novos aires que viñan de París e marchou para Francia». Aínda que foi considerado un acérrimo afrancesado, González Alén matiza que «foise a Francia antes de que Napoleón viñera a invadir España. Alí contactou con Moratín e toda esta xente afrancesada e aquí seguramente coetáneos del como o matemático terían que ter coñecemento del porque era unha persoa con sona».

González Alén sinala que tivo a axuda de Gonzalo Navaza que lle achegou a documentación da que dispuña e que conseguir en gran parte en Francia e a de Gómez Buxán na procura da ascendencia deste ilustre. O define como «un tipo brillante que podía facer de todo». En Francia, di, aparece o seu nome no dicionario de autores, pero aquí non. O seu dicionario foi o non vai máis durante todo o século XIX. Foi seguramente o primeiro tradutor profesional galego exercendo alá. Era un home moi preparado, lexicólogo, gramático, editor e xornalista. «Estivo investigado como espía porque o confundían cun Gil Taboada, do Pazo de Des, e como era Taboada prestábase a esa confusión», engade.

O seu dicionario bilingüe foi famosísimo é unha referencia

González Alén conta que unha vez Navaza lle falou deste descoñecido ilustre «o primeiro que mirei foi na bibliografía que había e non aparecía ningunha mención biográfica del en España, en Francia si, e o que si aparecían moitos dicionarios e obras súas, sobre todo un dicionario bilingüe francés-español, español-francés en dous tomos que editou alá polo 1812, data na que saíu a primeira edición».

Detrás desa, relata, virían non menos de 20 edicións e logo saíron moitas máis copias e plaxios porque chegou a tal extremo que era o dicionario de referencia en Francia, en España e diriamos que no mundo, e chamábanlle xa O Taboada» explicando que «outra xente e outras editoriais, cando el morreu, seguiron publicando e chegou a haber un cento de edicións en Europa e incluso en Sudamérica».

Pese a todo, engade, «el presumía de que a súa mellor obra eran unhas gramáticas que fixo para aprender español e aprender francés».

Foi tradutor de moitísimas obras incluída a Constitución española de 1812; polos ensaios que publicou a principios do século XIX en diferentes medios, era considerado un dos primeiros románticos españois.

A presentación do libro de Daniel González Alén, que pretende ser unha primeira aproximación a biografía desde ilustre lalinense, terá lugar nun acto que contará coa presenza do alcalde, José Crespo; coa de Gonzalo Navaza e Gómez Buxán, ademais do autor. A publicación, editada por a Imprenta Alvarellos, terá, ao igual que as predecesoras nesta colección, unha edición dixital.