El próximo jueves, con La Voz, una nueva edición de la Guía de Másters de Galicia
Andaba eu cavilando, agora mentres sachaba os pementos na horta, das distintas miradas do rural. As formas en que a xente pensa o rural. Como nos ven, como nos vemos e como realmente somos.
Está a mirada do rural das persoas, que vivindo na cidade un fin de semana de bo tempo sentan no seu coche e danse un garbeo para ver verde ou mesmo se apuntan a unha excursión, camiñata incluída, co obxecto de aliviar as tensións urbanas. Os urbanitas. Para eles todo é idílico. Que verde… que bonito é Galiza, mágoa de «arcolitros». E que mal gusto teñen estes lugareños con tanto feísmo nas casas, usando metálico de cama para as cancelas na leira. E mesmo bañeiras para dar de beber ás vacas. Iso si, hai que reciclar e coidar o medio ambiente. E hai bostas… Que cheiro a vacas, purina e silos!.
Outra forma, case antagónica, é a percepción que da súa existencia no rural teñen as persoas que vivindo na aldea (ou fillos deles) son, como ben di o meu amigo Moncho, «desertores do arado». Para estes o rural é o inferno: as persoas que aquí viven son uns atrasados, os que non tiveron máis oportunidades na vida, non hai como vivir na cidade, toda ela “marivillosa”. Alí tés de todo… «Neno non fiques na aldea que é un atraso, non queiras vacas, neno. A civilización e o progreso está na cidade»... Mesmo cando alguén da cidade aposta por vivir no rural ¡suprise!… «Como te adaptas aquí, afaste ben? Pero ti, como che deu por vir vivir aquí, ho?… estarás tolo, co feo e atrasado que está todo isto?....». E presumen de que a súa descendencia mercase vivenda na cidade, de peor calidade que a que tiñan na aldea, (pero «en la ciudad»), aínda que deixaran un ril no intento.
Despois está a xente que sendo do rural ou mesmo da cidade que apostan por vivir na aldea, consideramos que vivir nun entorno tranquilo, en contacto coa natureza, respectuosamente coa mesma, este é un lugar digno para vivir. Con moitas virtudes, pero tamén con serios inconvenientes. Tan só precisamos desenvolver a nosa vida cos mesmos adiantos tecnolóxicos e os mesmos servizos ao igual que o fan naquelas zonas máis desenvolvidas da contorna. Posiblemente, uns para traballar teñamos que desprazarnos unha distancia considerable co que iso supón, e outros teñan o seu traballo ao seu carón. Pero todas e todos nós apostamos polo rural. Por un rural de calidade, no que vivir dignamente. Conscientes das eivas do entorno, pero sen idealizalo nin deostalo. E seremos quen conservemos o rural. Non queremos velo abandonado nin tampouco seremos aqueles que o idealicen. Coñecendo as desfeitas que fai o lobo nas cabanas gandeiras ou o xabaril nos campos de millo, pero sabendo que hai que preservar esas especies. Sabendo que o monocultivo de «arcolitro» e «vacas pintas» non é o futuro, sabendo que hai que apostar pola diversidade de cultivos, pero tamén que estes teñen que ser rendibles económicamente. Esta xente é, e será, quen manteña o rural de Galiza vivo.