O BNG rendeu un homenaxe a súa memoria nun acto que reuniu a amigos, familia e veciños
21 jul 2019 . Actualizado a las 05:00 h.O BNG de Deza e Tabeirós-Terra de Montes xuntouse onte no Paseo do Pontiñas de Lalín, acompañado de amigos, compañeiros de outras forzas políticas, veciños e familia, para lembrar ao ex edil Xesús Cordeiro Menfis e honrar a súa memoria coa plantación dun carballo. Unha árbore nobre, como nobre era o corazón de Menfis, na memoria de todos os que o coñeciamos para sempre. Un acto agarimoso cheo de emocións que abriu o son do violín tocado por Elena.
Coa imaxe de Menfis presente, a súa filla Alba, destacou o sen gran sentido do humor, a alegría que sempre o acompañou, «a súa maneira de quitarlle ferro ás cousas», as historias que lle contaba de nena ese home comprometido co país e coa súa lingua que tamén correu diante dos grises e que, dicía, «ensinoume a facer unha boa tortilla de patacas» e as súas primeiras clases de conducir. «O mellor pai que se pode ter» e que, engadía Alba, «nunca perdía a naturalidade e a espontaneidade, e do que admiraba, entre outras moitas cousas, «a súa capacidade de oratoria e ben que escribía.
Alba pedía a todos os presentes que recordaran a seu pai traendo de volta as vivencias vividas con el, para que siga na nosa memoria e non morra nunca.
O portavoz do BNG de Lalín, lembrou o seu amigo e compañeiro, o que casou no Pazo de Liñares no 2016, dende a dor da súa ausencia e da partida «dun dos mellores», dun home «intelixente, xeneroso, entrañable, comprometido, de sorriso eterno e fiel aos seus principios» que «demostrou a mellor forma de estar en política» e que defendía sempre que «primeiro están as persoas e logo as siglas».
A voceira nacionalista, Ana Pontón, falou de Menfis como «un imprescindible, unha persoa que deixou unha pegada moi fonda». Pontón salientou a súa «entrega e compromiso, porque foi unha das persoas que sempre tivo a Galiza na cabeza e no corazón» e puxo en valor o traballo desenvolvido por Menfis ao longo da súa vida «para conseguir un futuro mellor para este país e para a súa xente».
Onte non facía falta máis que botar unha ollada arredor para darse conta do agarimo que Menfis e a súa bonhomía espertaba en todos os que o coñeceron. Alí estaban onte os alcaldes de Lalín e a alcaldesa de Moaña, localidade onde naceu Xesús Cordeiro, amigos e compañeiros de outras forzas políticas, membros da corporación, militantes nacionalistas de toda a zona, familiares e veciños que se deron cita baixo as árbores do Pontiñas nun día de verán como onte, ás 13.00 horas, nas vésperas do Día da Patria para homenaxear a Xesús Cordeiro cun acto de música e palabra, no que soaron as gaitas dos Dezas de Moneixas o inicio e o fin, interpretando, entre outras pezas o himno galego, con que se pechou o homenaxe e que foi cantado polos presentes. As verbas as puxeron Alba Cordeiro, Francisco Vilariño e Ana Pontón. Na súa intervención, Vilariño leu o poema de Bernardino Graña O home que quixo vivir.
Ao carón do carballo que xa bota raíces baixo o sol de verán no paseo lalinense, colocouse unha sinxela placa de nobre madeira coa mensaxe Sempre connosco Menfis. Unha sinal que marcará para sempre un dos lugares nos que habitará e medrará a súa memoria.
Tras o acto, e dentro das celebracións do Día de Galicia, os membros do BNG compartiron un xantar no souto de García Sánchez en Lalín. Os actos comarcais fecharanse coa colocación de bandeiras galegas en todos os concellos. Na Estrada colocaranse en toda a rúa o 25 de xullo.