«Todos os edificios deberían ter un médico de cabeceira que vixíe a súa saude»

l. d. REDACCIÓN / LA VOZ

DEZA

24 mar 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Orquitecto Xosé Lois López Otero valora con reservas a futura lei de rehabilitación. «Aínda non coñezo o documento en profundidade, pero parece que as revisións edificatorias van ser algo así como a ITV dos vehículos», apunta. Para este técnico, trátase duna medida necesaria. «Outra cousa son os custes para os propietarios», engade.

-¿Ata que punto fai falta a inspección técnica das edificacións que contempla a futura lei?

-Paréceme algo de sentido común. Todos os edificios deberían ter un médico de cabeceira que mire pola súa saúde. Someterse a un control, como pasa cos coches. O problema, como sempre, son os cartos. Se ademais da situación estrutural dos edificios vaise valorar a eficiencia enerxética, estamos ante cambios de moito calado.

-¿Que opinión lle merecen?

-Boa, sempre que non queden só nun trámite burocrático. O estado dun edificio, o mesmo que o dun coche, afecta aos demais e ten que estar sometido a algún tipo de control. Fan falta políticas nesa dirección. A expropiación de casas en ruína que tamén contempla a lei paréceme algo moi importante. O problema das casas en ruína é que na práctica non son de ninguén.

-¿Como ve a incidencia da ITV edificatoria?

-Non será moi diferente á que teña noutros sitios. Aquí o incremento realmente forte do parque residencial prodúcese entre os setenta e os oitenta, máis que na década dos sesenta que son os afectados pola revisión.