Aínda o lembro ben, xa fai cousa dunha década, cando coa superioridade moral que dá a inexperiencia, cometín o erro de indicarlle a un bo amigo meu, que ao mellor estaba bebendo de máis; suxeríndolle incluso a posibilidade de que fose alcohólico. El, con certa sorna, respondeume: «Un alcohólico é soamente alguén que bebe máis ca ti». Quedoume gravada a resposta, non sei se de colleita propia ou recollida dalgún libro de Charles Bukowski, pero agora penso que non andaba desencamiñado. Aínda que na literatura médica abonden criterios e baremos para discernir este termo, cando baixamos á lama do cotiá, atopámonos con que case ninguén se sinte cómodo ao ser encadrado neste colectivo, e mesmo sendo dos máis frecuentados, sempre o vemos fóra das nosas lindes.
Algo semellante sucede cando sae a palestra o termo cultureta, maldito por excelencia, ao que ninguén quere pertencer pero que é doado de atribuír.
Cultureta sempre ten un fin pexorativo, sinalando ás persoas que son pretendidamente cultas sen chegar a selo en realidade. Ao comezo semella estar claro, pero a cousa complícase cando as persoas que acusan aos demais de culturetas son, ao mesmo tempo, sinalados de tan vergoñento pecado. Isto ocorre moito en Lalín, de xeito que vemos como «cultureta» vai de boca en boca sen discernimento de quen é o culto ou culta e quen soamente o aparenta. Convértese daquela nun termo relativo que moitas veces fala máis da persoa que o emprega que do suposto impostor.
Quen apenas ten comprensión lectora acusa a quen le con frecuencia, quen le por pracer e evasión a quen devana os miolos en ensaios. A persoa que lle gusta o trap siñala á amante da música, o artesán manual ao artista conceptual,o fan das series ao cinéfilo e este ao que se deleita co videoarte...
Lalín foi sempre terra de culturetas, producímolos con esmero e dedicación, importámolos e exportámolos, críanse e cébanse, a ser posible, cos mellores pensos que da o orzamento público. Teñen festas propias e van aos mesmos bares, sabemos quen son eles, son os outros, os que disinten de nós, os que se arrogan o dereito a ter a razón, os que se fan os listillos e queren ser máis que ninguén, os que engolan e suben o ton da voz para que non quede ninguén no bar que descoñeza a súa opinión, os que xamais sacharon e ignoran os nomes das ferramentas de man…
Os «culturetas», ao igual que os alcohólicos, afortunadamente sempre serán os outros e os seus detractores estarán decote dispostos, ao máis puro estilo Monty Python, a lapidalos, aínda que para facelo tiveran que levar enriba todas as barbas do mundo.