«José Rodríguez foi un pioneiro»

Rocío Perez Ramos
Rocío Ramos LALÍN / LA VOZ

DEZA

Cedida

Iván Fernández, colaborador do Observatorio Ramón Aller, afondou na labor do matemático de Bermés

29 nov 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Onte presentouse en Lugo a revista Lucensia, editada pola Diocese nun acto na Aula Magna presidido polo bispo Alfonso Carrasco Rouco. Entre os artigos desta publicación figura un sobre a figura do matemático lalinense, nado na parroquia de Bermés, José Rodríguez. O matemático Iván Fernández, colaborador do Observatorio Ramón María Aller da USC é o autor deste artigo no que se analiza a actividade científica de Rodríguez. Fernández agradecía onte aos responsables da revista a súa labor de difusión da cultura e da ciencia e tamén especialmente o feito «de que poida facerse en galego, xa que desgraciadamente cada vez é máis difícil». É o número 57 da revista, dirixida por Gonzalo Fraga, que presidiu xunto co bispo e o reitor do seminario de Lugo, David Varela, a presentación.

-Como xurdiu o tema, porque José Rodríguez?

-Son matemático e interésame a historia das matemáticas e da astronomía. Dentro destes campos, o que máis me interesa son os persoeiros e institucións que contribuíron ao desenvolvemento destas disciplinas na nosa terra.

-Quen é para vostede o matemático Rodríguez?

-Rodríguez foi un pioneiro. Rachou coa falta de interese do profesorado universitario da época en abrir novos horizontes, investigar e contribuír á sociedade cono novos coñecementos.

-Vostede que é matemático, cre que se coñece a súa figura na Universidade?

- Na Facultade de Matemáticas é algo máis coñecido, xa que se instalou o seu vítor na Aula Magna. Pero a miña sensación é que Rodríguez segue a ser bastante descoñecido, tanto dentro da Universidade como fóra dela.

-Como foi o proceso de recompilar información, foi doado atopar datos?

-A información non é difícil de atopar. Están nos arquivos e hemerotecas, moitas delas dixitais, ás que pode acceder calquera cidadán. Despois hai que ter moito tempo e dedicación para analizar esa información e, unha vez coñecido o que se ten publicado sobre o tema, cando vexo que se pode achegar algo novidoso é cando me poño a redactar.

-Qué destacaría da súa vida, que che chamou máis a atención?

-Rodríguez sabía que para progresar tiña que saír de Galicia e viaxar a distintos países de Europa para formarse cos mellores. El foi quen de saír deste recuncho do Noroeste nun momento no que as comunicacións e os medios de transporte non eran as de hoxe.

-E do seu traballo?

-O seu rigor. Nótase a que facía o seu traballo con moita meticulosidade.

-Vostede é matemático é colabora co Observatorio Ramón María Aller como foi iso?

-Son de Ourense e cheguei a Compostela en 1993 para cursar a carreira de matemáticas. Nos últimos anos de carreira, José Ángel Docobo, director do Observatorio Astronómico Ramón María Aller, buscaba alumnos para atender xornadas de portas abertas e sesións de observacións nocturnas, e así comezou a colaboración. Máis tarde viñeron campañas de observación noutros observatorios astronómicos, a tese de doutoramento, redacción de traballos… E a última colaboración foi a organización da exposición O legado científico das forzas armadas en Galicia e dos galegos pertencentes ás forzas armadas.

-Como enfocou o artigo?

-Neste artigo dediqueime a seguir o que fixo Rodríguez durante a súa estadía en Madrid como profesor de astronomía e como director do observatorio astronómico de Madrid.

-Que pretendía transmitir?

-O que pretendo é transmitir os seus esforzos por recuperar este último centro e poñer en valor as súas achegas científicas deste período. Así, no calendario que elaborou para o ano 1823 aparece un pequeno artigo sobre meteoritos no que se xuntan as súas grandes paixóns, a astronomía e a xeoloxía, disciplina esta última na que elaborou un artigo sobre a composición xeolóxica de Sierra Nevada e que se publicou na revista francesa Annales de Chimie et de Physique en 1822, que estaba dirixida por Gay-Lussac e polo seu amigo Arago. Ao fío disto, xúntase tamén cos manuscritos que tiña Rodríguez sobre xeoloxía (anteriormente denominada xeognosia) e que hoxe se atopan na Biblioteca Xeral da Universidade de Santiago de Compostela, de grande valor, pois proceden de leccións de Werner, o pai desta disciplina.