«Os galardóns ao estar fóra énchente máis de orgullo»

amelia ferreiroa LALÍN / LA VOZ

DEZA

Lalinense de O Corpiño, leva máis de trinta anos adicándose á hostalaría en Irún, onde rexenta un par de restaurantes

14 ene 2015 . Actualizado a las 05:10 h.

Javier Mariño Rois, do Restaurante Mariño de Irún, foi galardoado co Premio ao profesional que máis se distinguiu na potenciación da cociña galega fóra de Galicia dentro da vixésima primeira edición dos Premios de Gastronomía de Galicia que se fallaron o pasado luns en Lalín, e que se entregarán o vindeiro 6 de febreiro no Lalín Arena na Gala da Gastronomía. Javier Mariño Rois, natural de O Corpiño, leva máis de trinta anos adicándose á hostalaría.

-Son exactamente trinta e seis anos os que levo neste sector. Primeiro traballei na construcción pero logo puxen en marcha unha bodeguilla e agora teño un par de restaurantes, o Mariño, e outro que abrimos enfrente deste. Contamos na actualidade cunha plantilla de doce traballadores fixos e catorce nos fins de semana.

-A súa familia estivo vencellada ao sector hostaleiro...

-Os meus pais tiñan un restaurante no Corpiño e eu lémbrome que lles axudaba nas fins de semana cando viña de Pontevedra onde fixen a mili. Non era pois un traballo que eu descoñecese e, a verdade, é que me foi bastante ben ata o momento. O meu restaurante e a cociña galega que ofertamos é ben coñecida aquí en Irún, na comarca de Bidasoa, e en pobos limítrofes de Navarra e de Francia. Temos clientes que veñen de Francia e de Bilbao a comer a nosa empanada ou o noso cocido.

-¿A súa carta cínguese á cociña tradicional galega?

-É o que triunfa. A empanada, lacón, cocido, caldo e a parrillada que aprendín a facer por certo no Villanueva é o que a clientela nos pide.

-¿Produtos da comarca dezá?

-Claro. Todos os meses ven unha furgoneta coa carne de Lalín e de Noceda, os chuletón do matadoiro de A Bandeira e onte mesmo nos chegaron 7.500 litros de viño de Ribadavia. O produto é galego. O pan mesmo temos aquí un forno na zona que nos fai uns moletes que son bastantes semellantes aos de aí. É un pan que sabe moi ben.

-¿Serven cocido á cotío?

-Témolo todos os domingos e pola semán tamén para os moitos obreiros que veñen a comer aquí.

-Paixón pola cociña e polo fútbol...

-Certo. Son presidente fundador do CD Mariño que ten catorce equipos federados e unha escola de fútbol con case catrocentos deportistas.

-¿Que supón este premio?

-Moita emoción. Os galardóns ao estar fóra énchente máis de orgullo. Nunca esquencerei este recoñecemento na miña vila.

javier mariño premio gastronomía de galicia no exterior