«Os encontros de Xundeva serven para formarnos no eido sanitario»

amelia ferreiroa LALÍN / LA VOZ

DEZA

Os parámetros de calidade na comercialización do leite crú é un dos temas que se trata hoxe nesta xuntanza de gandeiros

21 nov 2014 . Actualizado a las 05:13 h.

O Salón Teatro de Lalín volta a ser o escenario escollido pola Asociación de Defensa Sanitaria Xundeva para o desenvolvemento dos seus Encontros Gandeiros que comezarán ás 10.30 horas. Ao presidente de Xundeva, Manuel Fernández López, tocaralle aperturar esta xornada na que compartirá mesa con José Luis Camiñas Vázquez, presidente de Xuncoga.

-Os Encontros Gandeiros alcanzan dez anos de celebración, ¿cal foi o motivo da súa posta en marcha?

-A formación básicamente. Sempre hai algo que aprender e os encontros serven para formarnos no eido sanitario. Na xornada de mañán -por hoxe- falarase dos parámetros de calidade na comercialización do leite crú, do programa de erradicación da tuberculose ou da situación epidemiolóxica actual no ámbito das asociacións de defensa sanitaria.

-¿A cabaña na zona está libre de enfermidades?

-A cabaña está ben saneada e en boa medida débese a que contamos cunha brigada de veterinarios penso que boa que controla as explotacións que temos dentro de Xundeva. Outra cuestión moi importante, e sobre a que sempre incido, é respecto da conveniencia de estar dentro dunha ADS. Isó supón unha garantía de seguridade para o gandeiro, a todos os niveis, para os seus animais e tamén á hora de mercalos.

-Presentará balance económico e de accións desenvolvidas ao longo destes últimos meses, ¿son cifras en positivo?

-Económicamente a ADS está ben e iso é unha satisfacción. En Xundeva contamos cun milleiro de socios, a eles nos debemos, e poder amosar cifras positivas é moi importante. Para eles e para nós.

-Un milleiro de asociados, ¿cantos animais e que volume de explotacións gandeiras contabilizan?

-Creo que temos máis de 10.000 vacas na ADS que están esparexadas nunhas 500 ou 600 explotacións. Certo que os nosos socios posúen cabañas moi dispares no que se refire a número de animais. Hai asociados con 3, 4 ou 5 vacas e logo están os produtores fortes que teñen 50, 60, 80 ou cen animais. O que non vai mudar é a cuota. Continuarase pagando tres euros por vaca. Así dependendo do número que teña o socio na explotación así paga.

-¿Que lle preocupa na actualidade ao sector?

-A supertasa en boa medida. As industrias lácteas nos din que haberá supertasa seguro e o ministerio aínda non se pronuncia. Hai que agardar.

-¿Como ve o sucedido na oficina de Xóvenes Agricultores en Lalín?

-Me preocupa. Penso que a situación perxudica ao sector agrogandeiro. Os sindicatos están para defender os intereses dos gandeiros, e se non existen acordos e entendementos na propia casa, non sei como serán capaces de arranxar o de fóra.

manuel fernández lópez presidente de xundeva