Marcos Torres, de 29 anos, é dende onte o capelán.
-¿Como xurdiu a idea de que o nomearan capellán?
-Partiu do clube. Foi a propia directiva o que solicitou a capellanía para o CD Lalín. É unha figura que existe dende fai moitos anos e manténse en clubes que teñen unha entidade e unha historia grande como a selección española, o Real Madrid, o Atlético de Madrid, o Lugo... Nunha conversa informal xurdiu. Díxeronme o Lugo ten capellán, ?¿como hai que facer para que o Lalín o teña??. Expliqueille que é unha solicitude que fai ao bispo. Entón, escribíronlle ao Obispado e decidiuse hoxe.
-¿Antes nunca tivera capelán?
-Supoñemos que non. Oficialmente nunca. É a primeira vez.
-¿Cales son as súas funcións?
-É un coidado espiritual. En realidade é a presenza e a compañía da Igrexa nalgo tan importante e relevante para as persoas como é o deporte. É un servizo. Igual que hai un psicológo ou outros cargos, pois tamén hai un cura. A súa función é axudar e acompañar no que poida aos deportistas. É como un cura nunha parroquia, pero neste caso a súa parroquia é un grupo de persoas que é o equipo de fútbol. Igual que nunha parroquia pode haber xente que crea en Deus e vaia a misa, e outros que non..., pero sábese que hai un cura para aqueles que pidan a súa axuda.
-¿Tivo contacto cos xogadores?
-Coñézoos a case todos. Como eu son de Lalín a moitos deles por amizade, outros foron compañeiros cando xoguei no Lalín, outros tiveron que aguantarme como árbitro e, ademais, sempre fun gran aficionado ao fútbol. Aínda que son do Real Madrid, ao Lalín téñolle moito cariño. Supoño que nin o saberán.
-¿Como agarda a súa reacción? Antes dicíame que nunha parroquia pode haber crentes ou non...
-A xente que é aficionada ao fútbol sabe que esta figura existe e entón é un orgullo para Lalín ter un capelán. Os xogadores recibirano con certa sorpresa, pero ao mesmo tempo con orgullo, porque os grandes equipos teñen todos os seus capeláns. O que vou facer non é máis que ser membro do equipo, aprender, axudar, acompañar e para o ascenso a Terceira, a Segunda División B ou a Segunda, ou todo o que poida soñar o clube, a axuda de Deus é moi necesaria. Toda axuda é pequena para poder alcanzar grandes logros e o deporte é moi propia do ser humano e a relixión tamén, entón penso que se conxugan perfectamente. Dicíao o Papa Francisco.
-¿Algún acto ou oficio previsto?
-Non. É máis unha presenza persoal, cun cura que está aí. Non vai haber ningún acto relixioso. Irei como un aficionado máis e estarei con eles e irei aos partidos como fun ata o de agora, pero como un aficionado máis. Agora co cargo de servir, con máis obrigación cara a eles. Un que queira falar cun cura, bautizar o seu fillo... o contacto é o capelán. Serei n aficionado máis, renovarei o meu carné de socio e estarei como un máis alí, non hai un compromiso maior.
-Tamén foi futbolista...
-Sí, xoguei nas categorías inferiores do Lalín varias tempadas. Era a época na que todos os rapaces eramos uns namorados do fútbol.