A federación prevé celebrar charlas informativas en A Estrada e Lalín sobre a implantación da lei educativa
09 sep 2014 . Actualizado a las 07:00 h.Arranca un novo curso académico marcado pola implantación da Ley Orgánica para la Mejora de la Calidad Educativa (Lomce) nos cursos de 1º, 3º e 5º de Primaria. Cuestión que trae parella incertidume respecto da aplicación da mesma e ao que a federación de anpas da provincia de Pontevedra non é allea.
-Todos queremos saber como vai afectar a Lomce ao ensino, á avaliación das asinaturas e ao futuro educativo dos nenos en definitiva. Estamos agardando que por parte das direccións dos centros haxa un traballo de difusión e de achegamento das novidades aos pais. Por outra banda queremos que xunto a administración, e así llelo solicitamos ao delegado territorial, poidamos explicar en distintas zonas e sitios da provincia todo o relacionado coa nova lei: como se aplica, que cambia, como se van a xestionar os centros que non será o mesmo que ata agora. Unhas charlas que chegarían a Lalín, A Estrada, Vilagarcía... Non se van celebrar de xeito inmediato. Hai que agardar que comece o curso académico e que as direccións dos centros vaian dando conta da implantación da lei nos tres primeiros cursos. Tampouco queremos que se demore moito. Esperamos que as sesións informativas se poidan facer en colaboración coa administración, que se amosou receptiva a nosa petición, pero do contrario as faríamos en solitario.
-¿En que aspectos se poderán apreciar os cambios máis significativos desta lei?
-A Lomce contempla o cambio de determinadas materias que se van a separar. É o caso, por exemplo, da asinatura de coñecemento do medio que se separa como as antigas ciencias naturais e sociais; a materia de relixión que entra de cheo no currículo escolar e a lei muda o modelo de xestión dos centros. Non é unha cuestión á que, ao mellor, se lle está dando gran importancia pero creo que a tén xa que afecta a un dereito constitucional como é a participación dos pais nos centros ao mudar eses modelos de xestión. Os consellos escolares van ter moita menos presenza na toma de decisións do centro. Pasarán a ser meros órganos informativos e non participarán na toma de decisións. É un cambio a peor na vida e calidade do ensino público. Pasa a ser unha xestión administrativa opaca. A entrada en vigor da nova lei é un paso atrás.
-O curso académico iníciase con demanda de prazas en comedores escolares, o concurso de traslados sen solucionar...
-A falta de prazas en comedores escolares é unha constante queixa nos centros de ensino; alí onde están xestionados pola administración. Nos colle de xeito transversal tamén o concurso de traslados de profesores, pendente de resolución do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, e nos afecta como sufridores con rotación de profesores. Está tamén a implantación dun protocolo de detección de hiperactividade que debería de espallarse a outras condutas especiais.
rogelio carballo presidente da fanpa pontevedra