A festa sobrepasou a zona dos viños, cun pasarrúas dende o casa do concello que mesmo foi respectado pola chuvia
23 mar 2014 . Actualizado a las 07:00 h.A Estrada celebraba onte o primeiro festival de Cantos de Taberna, organizado por un bo número de bares da zona dos viños. As previsións do tempo non eran boas, pero a decena de grupos participantes agardaban cara ao mediodía nos soportais da casa do concello para comezar un pasarrúas que os levaría polas principais arterias do casco urbano cara a Travesía da Igrexa, a Travesía de Vea e Irmáns Valladares. Despois dun forte chaparrón, o ceo respectou á música, e un por un os grupos empezaron a marcha. A festa sobrepasou deste xeito con moito a zona dos viños, xa que tamén chegou á feira dos sábados, e os veciños que camiñaban pola vila agradeceron os sons de grupos de gaiteiros e de charangas.
Mercadiño con 40 postos
Os Cantos de Taberna foron o complemento perfecto para o mercadiño solidario, organizado por Aitana Martino na mesma zona dos viños. Protexidos con plásticos e toldos, aguantaron dende as once e media da mañá ata cerca das oito da tarde. Foron corenta postos, con participación ademáis de vendedores estradenses doutros chegados de Vigo, A Coruña, Santiago ou Cerceda, por citar algunhas das localidades de procedencia.
A oferta era amplia: dende bisutería artesanal a postos de segunda man, e tamén oferta gastronómica enxebre: ovos da casa, melindres, rosquillas da festa ou empanadillas. Unha boa opción para acompañar as bebidas que foron animando, cada vez máis, os cantos nas tabernas.