O magacine «Voces do Deza», estrea mañá luns nova tempada, con emisións de 11 a 12 horas e de 14 a 15 horas
01 sep 2013 . Actualizado a las 07:00 h.Radio Voz Lalín inaugura mañá luns a súa nova tempada de programación local para 2013/2014 cunha importante novidade: a ampliación do horario local cunha nova franxa de emisión de 11 a 12 horas de luns a venres. O magacine «Voces do Deza», que conduce Amelia Ferreiroa e que iniciou a súa andaina no pasado mes de abril, volta ás ondas o 2 de setembro despois da paréntese vacacional con nova e ampliada franxa horaria.
Os ouvintes das comarcas de Deza e Tabeirós-Montes terán agora a primeira cita informativa a partires das 11 da mañán. Ao longo dunha hora, e na primeira parte do magacine, farase un achegamento á actualidade comarcal realizando un especial seguemento aos actos informativos da xornada a desenvolver en todos e cada un dos concellos da zona. Ata o mediodía haberá espazo para entrevistas aos protagonistas informativos da xornada. Información municipal que se misturará con temáticas de servizos para situar ao ouvinte na plena actualidade do día.
«Voces do Deza», que se emite en Radio Voz Lalín a través do 94.8 FM, voltará coa segunda parte da súa programación local a partires das 14 horas e ata ás 15 horas como se viña facendo na pasada tempada radiofónica, de luns a venres. A segunda franxa horaria do programa local, xa coñecida pola audiencia, centrarase na realización dun amplo resumo informativo das novas acontecidas ao longo da primeira parte da xornada e será unha fiestra informativa do que acontecerá na zona.
Magacine local
Coa posta en marcha da ampliación da programación local de Radio Voz Lalín a partires de mañá luns preténdese manter aos ouvintes informados de todos os acontecementos da zona xa dende a mañá. A audiencia contará tamén dentro deste magacine matinal local con seccións semanais fixas adicadas a temas que suscitan interese entre a poboación como son a saúde e o benestar, almorzos informativos ou tertulias nas que se analizarán polo miudo os temas de actualidade comarcal.