Un derbi de máis de tres puntos

Lorena García Calvo
lorena garcía calvo LALÍN / LA VOZ

DEZA

Estradense e Lalín porán tamén en xogo un posto na clasificación

03 abr 2012 . Actualizado a las 07:00 h.

Cando no mes de novembro A Baiuca presenciou o primeiro derbi Estradense-Lalín en anos, poucos se podían imaxinar que o partido de volta chegaría tan cargado de transcendencia como o estará. O Lalín en descenso e case deshauciado da primeira volta recibe o domingo ao equipo «rojillo» co que vén de empatar na táboa, e polo tanto coas mesmas opcións de salvación có conxunto que adestra Tono Insua. Oreiro conseguiu rescatar do pozo ao Lalín, e o cadro do Cortizo plantará batalla a un Estradense que destaca pola súa competitividade.

Tanto Javier Oreiro como Tono Insua son conscientes de que o choque dominical suporá máis ca tres puntos. Se a vitoria se queda na casa o Lalín conseguirá gañar unha praza, deixar tres puntos de distancia cos estradenses e, como mínimo, conservaría distancia de dous puntos co As Pontes. O equipo dezano mesmo tería a tiro ao Negreira en caso de que os coruñeses empaten ou perdan, posto que agora mesmo só os distancia un punto.

Se, pola contra, o Estradense consegue despregar o seu fútbol no Cortizo e se fai coa vitoria, o equipo de Tono recuperaría os tres puntos de marxe respecto ao Lalín, e podería superar ao Negreira se non logra vitoria. Os de Tono manterían como mínimo a décimo quinta praza e recuperarían o camiño dos bos resultados.

Unha xornadas completa

O que suceda no Cortizo será determinante para que Lalín e Estradense consigan os seus obxectivos a final de tempada, pero o resto dos emparellamentos do domingo tamén pesarán, posto que hai varios enfrontamentos directos.

O Sanxenxo, que coa derrota ante o Fabril se queda descolgado da pelexa pola permanencia, recibirá a un Betanzos con 29 puntos e que pugna pola salvación. O Cultural Areas, con un punto menos, agarda a un Bergantiños que, no caso de perder, se metería en apuros posto que a súa vantaxe respecto a Negreira, Estradense e Lalín é de 3 e 4 puntos, respectivamente. Precisamente o Negreira agarda ao Ordes, xa salvado, e que viaxa sen presión. O As Pontes, esta semana en descenso, visita a un Alondras que non quererá abandonar o liderado da táboa.