«Entrar na Sinfónica é un auténtico privilexio»

Rocío Perez Ramos
Rocío Ramos LALÍN / LA VOZ

DEZA

O músico lalinense acaba de superar as probas de acceso para a Xove Orquestra Sinfónica de Galicia

10 mar 2012 . Actualizado a las 07:00 h.

Santiago García Mella naceu en Bermés e leva a música no sangue. Agora acaba de superar as probas da Xove Orquestra Sinfónica de Galicia.

-¿Que supón entrar na Sinfónica?

-É un auténtico privilexio, faime moita ilusión. Había só tres prazas para trompetistas activos e déronme unha. Dache a posibilidade de adquirir experiencia tocando en orquestras, algo que non é doado, porque en Galicia só hai un par delas. Fan tres ou catro encontros, viaxas e ademais de tocar na orquestra vas a clases de perfeccionamento, é unha oportunidade boísima.

-¿Ademais non é nada doado entrar?

-Eu xa me presentara antes. Hai moi poucas prazas e moita competencia, veñen de todos os sitios de Galicia, de Portugal, había xente de Barcelona... Éramos corenta e algo para tres prazas de activos.

-¿Da zona presentaríanse máis?

-Diego Manuel, de A Bandeira e Pablo Vázquez, de Agolada, que son os dous tamén trompetistas e quedaron de reservas. Pablo era a primeira vez que se presentaba, dos outros instrumentos non sei.

-¿Vai a seguir compaxinando a orquestra coa banda e coas clases ou terá que deixar algo?

-Durante a semana estudio no Conservatorio Superior de Música de A Coruña e vivo alí, dirixo dende novembro a Banda de Visantoña e os fins de semana estou en Lalín, toco na Banda, dirixo a banda infantil e dou clase de trompeta no Conservatorio, como a Sinfónica está na Coruña xa me queda alí mesmo e logo espero seguir encaixando todo o demais como se poda.

-¿Como está o futuro para os músicos?

-É complicado, está a cousa moi mal e cando se recorta, recórtase máis en cultura. Hai moita competencia pero hai que irse buscando a vida.

Santiago García Mella Trompetista