«O premio é un síntoma máis do ben que está o programa»

amelia ferreiroa LALÍN / LA VOZ

DEZA

O espazo sobre cociña galega, que se emite na Televisión de Galicia, foi galardoado co Premio Álvaro Cunqueiro

02 feb 2012 . Actualizado a las 07:01 h.

O programa «Larpeiros», que emite a canle autonómica todos os mércores, acadou o Premio Álvaro Cunqueiro que convocou o Concello de Lalín dentro da súa décima oitava edición. O lalinense Emilio Fernández é o produtor do espazo.

-Parabéns. ¿Que significa este premio para vostedes?

-O premio é un síntoma máis do ben que está o programa. Por un lado os contidos do espazo, as excursións que realiza Tomás Alonso por toda Galicia na procura deses produtos de calidade, amosarlle aos espectadores como se cultiva dito produto, o humor que se introduce en cada programa e o aire tradicional que se lle dá ao conxunto penso que son os piares sobre os que se asenta o éxito do programa. Logo está o feito de que sexan sempre receitas sinxelas, que é un espazo didáctico... Penso que o gran premio de «Larpeiros» é o que nos aporta a audiencia cada mércores, cando nos ve. Iso non quere decir que non estemos contentos polo galardón que se nos deu en Lalín.

-¿Dende cando se está emitindo?

-Comezamos a emitilo en xullo do ano 2008 e dende entón está chegando a centos de familias espalladas por Galicia. Hoxe mesmo (por onte) estamos grabando o programa número 108 en Redondela. Poderedes velo dentro dunhas semáns.

-Benigno Campos, Tomás Alonso son dous dos habituais na pantalla, ¿pero canta xente se move na produción e elaboración dun programa coma este?

-Certo é que velo aí, na televisión, parece do máis sinxelo pero o traballo que supón é moito. Seis persoas son as que habitualmente se fan cargo dos exteriores e logo no equipo de produción, realización... podemos falar de preto dunha trintena de persoas.

-Emilio Fernández comezou facendo curtas na súa vila natal, en Lalín. Hoxe está producindo unha serie de éxito, ¿traballo e constancia?

-Se antes non posúes unha experiencia previa non se chega a isto. É preciso evolucionar e tamén que alguén, polo camiño, aposte polo teu traballo e che brinde unha oportunidade. A produción é moi interesante pero ao mesmo tempo moi estresante pero normalmente non só te centras nunha cousa, como é o meu caso. Aí están novos proxectos, novos retos... No verán estiven cunha película e continúo pendente doutras moitas cousas que espero vaian xurdindo, pero sen deixar «Larpeiros».

-¿Algún capítulo especial para a Feira do Cocido?

-Non agardabamos o premio. Traballamos con antelación e non estaba previsto ningún especial para o cocido pero seguro que se argallará algo máis adiante.

eMILIO FERNÁNDEZ PRODUTOR Do programa «LARPEIROS»