Supervivencia

DEZA

11 dic 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

O de que a sorte e os bos momentos van por barrios -en Galicia sería por parroquias- é de sobra coñecido, e desta volta tocoulle ao Club Deportivo Estradense capear o temporal. A marea é a habitual, a económica, e polo tanto, reprodúcense cada certo tempo en todos lados, e cunhas ou outras orixes. Desta volta os clubs deportivos de todo o país, pero sobre todo os máis humildes, os que pisan terra e nos que non hai nóminas, están a vogar contra unha forza que os dirixe directamente contra as rochas, e que leva o nome de crise. Si. Xa sei que non resulta orixinal, pero o deporte próximo está a sufrir unha hemorraxia de euros que crea dúbidas respecto a como será o seu futuro, e mesmo sobre a supervivencia.

Falar de falta de liquidez nos clubs cando hai familias con problemas para chegar a fin de mes ou que manexan no seu vocabulario habitual a palabra desahucio é case obsceno, pero non por iso se debe botar terra sobre o asunto. O certo é que os clubs máis pequenos son os que abren as súas portas aos rapaces para que lle dean patadas a un balón ou para que defendan en 6:0. Os valores do deporte non se aprenden nin interiorizan vendo os clásicos de Primeira nin a Fernando Alonso dando voltas por Dubai. É sobre o céspede sintético do Manuel Anxo Cortizo ou nas pistas de tenis onde se aprende a competir e a respectar, onde se forxan amizades e onde se axudan a formar persoas. O deporte vívese con maiúsculas a carón da casa, e se os pequenos clubs se van a pique ou perden aos seus seareiros, con eles vaise a esencia do deporte.