O defensa estradense confía nas posibilidades do seu equipo para manterse en Terceira, máis entende que todo o conxunto pode, e debe, dar máis de si
26 nov 2010 . Actualizado a las 02:00 h.A Estrada conta xa as horas que restan para que este domingo o Racing de Ferrol xogue en A Baiuca. O Estradense, trala xornada de descanso, agarda ao líder da clasificación coa ilusión de gañar a un ex Segunda B e reconciliarse coa vitoria. Nun contexto que mestura a necesidade de puntos co aliciente de medirse a un grande, Fafú analiza a actualidade do seu equipo. O defensa, traballador inesgotable, confía nas posibilidades do Estradense, pero non lle treme a voz á hora de avisar que fai falla máis implicación.
-Antes de entrar en profundidades, ¿que tal foi a experiencia de xogar coa selección galega de afeccionados?
-Pois foi unha experiencia moi bonita. Estou moi orgulloso de ter participado nun partido como ese e de ter xogado bastante ben. Viña de estar dúas semanas parado pola lesión (unha microrrotura no sóleo), pero atopeime ben.
-¿Podemos falar logo de recuperación?
-Xoguei en Pontevedra sen ter molestias; fixen un bo quecemento e atopeime cómodo. O luns e o martes xa estivera adestrando co Estradense para ver como me atopaba, e sentinme ben.
-Entón, poderá botarlle unha man ao seu equipo o domingo ante o Racing.
-Iso vai depender de Fabiano. A min faime moita ilusión, ¿a quen non?. Ata agora atopeime ben e espero chegar así a final de semana, pero sei que non é garantía de nada.
-Agora mesmo o Estradense suma 16 puntos, os mesmos que Rápido, Bergantiños, Areas e o Santa Comba, que xa está en zona de descenso. ¿Vostede como ve o equipo?
-Pois como equipo, como ambiente, moi ben, pero fallamos un pouco á hora de apertar. Se queremos saír de aí abaixo temos que remar todos par o mesmo lado. Hai equipo de sobra, pero, baixo a miña opinión, temos que implicarnos máis. Os máis veteranos poderían meter máis mecha aos novos. Fabiano tamén é moi bo adestrador pero podería ter máis man dura no sentido de que quen estea ben xogue, e quen non o mereza non o faga.
-¿Cre entón que se puideron deixar puntos polo camiño por non deixarse o cen por cen nos partidos?
-Eu penso que cando apertemos a tope virán os puntos. Como equipo, hai equipo para quedar da metade da táboa para arriba, pero temos que implicarnos máis, poñerlle un pouquiño máis de ganas porque vexo que hai demasiada tranquilidade. Igual é polo meu xeito de entender o fútbol, pero vexo que adestramos ben pero os domingos podemos dar algo máis de nós mesmos. Sumando as indicacións de Fabiano e un pouco máis de vontade pola nosa parte faríanse máis puntos.
-¿A que atribúe entón esa pasividade de máis?
-A xente de A Estrada levabamos moito tempo en Preferente e para nós xa non era un traballo, era un xeito máis de divertirnos, aínda que a tempada pasada había o obxectivo do ascenso. Terceira División é moi diferente, e penso que hai xente que non lle da o valor suficiente porque en Terceira non serve a mentalidade de ir só para xogar e entreterse.
-¿Que agarda do partido de domingo ante o Racing?
-Que gañemos. Eles veñan de perder, e igual saen algo máis nerviosos. Luisito coñece perfectamente A Estrada e a Fabiano, pero pode pasar calquera cousa.
-A nivel individual, ¿como está vendo a súa tempada?
-Ata o Portonovo ía ben; estaba xa case ao 100%, pero agora, tras dúas semanas se competir, teño que volver coller ritmo. Os partidos son os que che dan competitividade.