A comisión de hostalaría da AED avalía positivamente a celebración desta festa que estaba esquencida en Galicia
03 nov 2010 . Actualizado a las 02:00 h.Trece locais dezaos se adheriron á celebración do Samaín, que promoveu a Comisión de Hostalaría e Turismo da Asociación de Empresarios de Deza, e que se celebrou dende o venres ata o pasado día 1. A actividade consistiu en que «os locais participantes tiñan que decorar axeitadamente os seus establecementos. O compromiso era decorar o local, logo cada quen fixo o que quixo... Tapas curiosas, música acorde coa festa que celebrabamos... A idea era coller esta data, marcala no calendario e continuar potenciando dita festividade en vindeiros anos», segundo explicou Emiliano García.
A comisión de hostalaría ten previsto celebrar hoxe, ás cinco da tarde, na sede da AED unha xuntanza para valorar a celebración do Samaín que «foi positiva según o que comentaron os compañeiros e, sen dúbida, que será outra das datas que quedará marcada no noso calendario anual». Reunión que será aproveitada tamén para falar da vindeira suspensión do servizo de Noitebús. «Para nós, para o sector da hostalaría, podería beneficiarnos xa que non habería tanta fuga de xente a outros sitios e nós poderíamos aproveitar a situación. A idea sobre a que traballaremos será na posibilidade de que os pubs comecen a traballar antes, potenciar a zona dos viños, das tapas e que a xente se quede en Lalín. Para conseguilo, nós somos os que temos que pór todo da nosa parte e conseguir atraer e fidelizar a ese número importante de lalinenses que saien fóra a divertirse».
O vindeiro ano 2011 será difícil, pronostica Emiliano García. «Non queda outra máis que profesionalizarse e formarse. Hai que ter un proxecto empresarial e atrás quedou aquelo de abrir un bar por facer algo, semellaba o camiño máis fácil... Hoxe nos establecementos vemos xente con iniciativas, que é o que quere o cliente, e nós estamos loitando nesta dirección».
García amósase moi satisfeito do grupo de traballo que formaron no seo da Asociación de Empresarios de Deza. «É un equipo moi agradable, con inquedanzas e con gañas de facer cousas. Ideas nunca faltan e seguro que na xuntanza de mañán tamén continuaremos dándolle voltas á vindeira Feira do Cocido, ao mes do cocido que se celebra con anterioridade e o Antroido. Estamos traballando na elaboración dun proxecto, que lle queremos presentar ao Concello, e co que pretendemos aunar esforzos. O Cocido de Lalín xa está moi alto pero o Antroido hai que impulsalo e resta bastante camiño por andar».