Viravolta coordina o Festival de Artes na Rúa que traerá a Lalín espectáculos musicais, cabezudos, contos e maxia
16 sep 2010 . Actualizado a las 02:00 h.Os nenos tamén contarán nestas festas patronais de As Dores de Lalín con actividades pensadas e programadas para eles. A comisión organizadora dos festexos deixou en mans da compañía Viravolta de Lalín a coordinación da actividade, que se desenvolverá de sábado a martes, na Praza de Joaquín Loriga a partires das seis da tarde.
O Festival de Artes na Rúa, Ruada, aglutinará seis actuacións -catro na praza e dous pasarrúas que realizará Viravolta-. «O ano pasado conseguimos facer dous actuacións cada día pero nesta edición o presuposto é bastante inferior polo que non puidemos facer máis. E iso que os grupos que veñen a Lalín van a cobrar bastante menos do que é habitual. Fan isto por nós, por ser un festival e polo feito de que a crise hai que levala con valor», explica Anxo García -responsable da compañía lalinense Viravolta-.
A programación para os nenos comezará o sábado cun espectáculo musical e de narración oral: A nena e o grilo. «É un musical basado nun libro infantil, e como promoción do mesmo fíxose este espectáculo que imos poder ollar por primeira vez». Viravolta, pola súa banda, ofrecerá dous pasarrúas: o domingo e o luns, dende as cinco da tarde, «sairemos con cabezudos inspirados en dous contos infantís: o frautista de Hamelín e os tres porquiños». A coñecida compañía Tanxarina escenificará o domingo o seu espectáculo internacional «Titiricircus» para dar paso o luns aos Ghazafelhos do Ferrol, «traerán contos de medo: os Contos para escagarriñarse». E o último día, para o martes, maxia. «Apostamos por un mago novo, que o está facendo moi ben e que se chama martín Camiña. Salientar que todos os espectáculos son para todos os públicos, están pensados para facerse na rúa polo que non van dirixidos a un determinado sector nin a unha franxa de idade definida. Estamos a falar de espectáculos de calidade que, sen dúbida, merece a pena ver. O único que preocupa un chisco é o tempo xa que ao estaren ideados para realizarse ao aire libre se chove habería que cambiar ubicación ou pensar en suspendelos».
Actividades infantís que veñen acadando todos os anos un cheo total. «Nunca contabilizamos o volume de asistentes aos distintos espectáculos pero sí que para cada representación estaba todo abarrotado. É unha programación moi exitosa dado o coste que tén. Penso que son unhas actividades que merecen a pena e que deberían de manterse e ampliarse de cara a próximas edicións».