Merecemos outro PSOE en Lalín

José Crespo Iglesias

DEZA

Cada día teño máis claro que os lalinenses merecémonos outro PSOE en Lalín, un que pense no progreso do Concello e no benestar dos veciños e non unha formación política que só actúa en función dos réditos partidistas.

Despois de analizar a formación que lidera Aller estou seguro de que o PSOE de Lalín segue a folla de ruta que lle marcou un xenio chamado Marx. Un home que deixou pegada na historia e no mundo, pero non na historia universal e o mundo da política senón na historia do cine e o mundo da comedia porque os ditados que parecen seguir os Aller e compañía son os de Groucho Marx, non os do autor do manifesto do Partido Comunista, Karl Marx.

O PSOE de Lalín é unha recreación do «Camarote de los Hermanos Marx» do século XXI que se guía polos principios do absurdo, os comentarios deslabazados e sen criterio e que reduce o transcendental a un xogo sen sentido que só persegue réditos fáciles sen pensar nas consecuencias do que fan. O xenial Marx, de nome Groucho, definía a política como «o arte de buscar problemas, atopalos, facer un diagnóstico falso e aplicar despois os remedios equivocados», un corolario que o grupo municipal do PSOE coñece a perfección e segue como a súa particular biblia na maioría das súas acción políticas.

Os socialistas lalinenses, unha especie única no mundo, analizaron perfectamente que no polígono Lalín 2000 había un problema e o atoparon, sen embargo, lonxe de facer unha diagnose correcta, como a de recoñecer que a eiva deste polígono era que falta solo empresarial para xerar riqueza e emprego, a conclusión á que chegaron é que a ampliación do polígono estaba de máis e lles molestaba e por tanto, como remedio, decidiron iniciar tódalas acción posibles para boicoteala, dende a presentación de alegacións no último minuto do prazo hasta mentir vilmente alegando indefensión por non ter recibido unha comunicación que as probas amosan que recibiron en tempo e forma. Os campións do paro decidiron poñer tachas e impedimentos a unha magnífica ocasión de crear emprego e riqueza para os nosos veciños.

O ocorrido este venres ca presentación dun recurso de reposición contra unha infraestrutura crucial para o futuro de Lalín como a cuarta fase do Lalín 2000 é un máis dos moitos exemplos que poderíamos poñer enriba da mesa de acciones dos socialistas para torpedear os proxectos do grupo de goberno, aínda que a súa ridícula influencia a tódolos niveis nos permitiu en moitas ocasións sacar adiante estas iniciativas a pesar do seu interese por botalas abaixo e prexudicar o futuro de Lalín e o beneficio de todos os lalinenses.

Só a desesperación en que vive inmerso e demostra cada día o PSOE de Lalín pode axudar a comprender os despropósitos, mentiras, mezquindades e menosprezo polo benestar dos lalinenses aos que asistimos nos últimos anos e que se recrudeceron nos últimos meses en que o egoísmo socialista queda cada vez máis patente. É de prever que, conforme se acheguen as vindeiras eleccións municipais, o xogo sucio dos socialistas de Lalín se multiplique, pero estou convencido que os nosos veciños non se deixarán enganar por estes agoreiros e saberán recoñecer o traballo das persoas que loitamos por conseguir o mellor futuro para o noso pobo.

Merecémonos outro PSOE en Lalín. Un PSOE que pense no progreso do noso Concello e no benestar dos veciños e non unha banda de irresponsables desinformados que so pensa en intereses partidistas. Un grupo de socialistas que faga unha oposición seria, non de rumor de taberna e que teña como obxectivo sumar polos ben dos veciños e non continuamente restar e poñer atrancos a proxectos necesarios. Un PSOE co que sentarse a falar e a negociar temas cruciais para o futuro de Lalín e non unha formación rencorosa con quen goberna.

Rematando con Marx, de nome Groucho, o espíritu dos socialistas de Lalín resúmese cun frase que o cómico deixou para a posteridade que é a de que «todavía non sei o que me vas preguntar, pero opóñome» que poñen en práctica a diario.